A Deputación de Ourense mobiliza preto de 290.000 euros para impulsar infraestruturas e servizos esenciais

A Xunta de Goberno aprobou achegas en cooperación municipal para actuacións en Allariz, Verín, O Barco de Valdeorras, Muíños, Bande e Coles.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar, na súa sesión ordinaria desta mañá, un conxunto de achegas económicas destinadas a reforzar infraestruturas municipais e servizos básicos en distintos puntos da provincia, cun investimento total de 288.093,57 euros.

Estas actuacións enmárcanse na liña estratéxica de cooperación municipal que desenvolve a institución provincial, orientada a garantir servizos de calidade, mellorar a seguridade e accesibilidade dos espazos públicos e fortalecer os equipamentos culturais e as infraestruturas básicas no conxunto do territorio.

Estas actuacións, por municipios, sitúanse en Allariz, con 99.973,64 euros para a adquisición dunha finca e o acondicionamento dos seus accesos, contribuíndo á mellora da conectividade e funcionalidade do espazo. En Verín concédense 80.000 euros para a segunda fase das obras de ampliación de beirarrúas na rúa Luis Espada, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e a mobilidade peonil. Ao Concello de O Barco de Valdeorras asígnanselle 44.535,73 euros destinados á subministración e instalación de 265 novas butacas no Teatro LauroOlmo, incluíndo repostos de asento e respaldo, mellorando as condicións dun espazo cultural de referencia na comarca.

O Concello de Muíños obterá 40.000,00 € para a instalación de alumeado público na senda peonil que conecta Mugueimes, Abelleira e Rabeca, favorecendo unha mobilidade máis segura entre núcleos.

O Concello de Bande obterá tres achegas que suman 15.998,89 eurospara actuacións en infraestruturas básicas: 5.998,89 euros para a mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR); 5.000 euros para o acondicionamento da cumbrera na Casa de O Baño, e 5.000 euros para a mellora de camiños no núcleo de Pereira.

Por último, o Concello de Coles recibirá 7.585,31 euros para traballos de reparación e asfaltado de pistas nas localidades de Cambeo e San Lourenzo.

Compromiso coa cooperación municipal

A Deputación de Ourense reafirma así o seu compromiso coa colaboración constante cos concellos da provincia, impulsando investimentos que permiten avanzar na modernización das infraestruturas locais, reforzar os servizos esenciais e contribuír á cohesión territorial.

A través destas achegas, a institución provincial continúa a traballar para garantir igualdade de oportunidades entre municipios, especialmente no ámbito rural, promovendo actuacións que teñen un impacto directo na calidade de vida da veciñanza.



Comparte éste artículo
No hay comentarios