A Universidade sénior da UDC abre o prazo de inscrición nas Pontes

A Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, porá en marcha en 2026 a 8ª edición do Programa de Formación Universitaria Específico para persoas maiores de As Pontes. Esta iniciativa conta coa financiación da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello das Pontes, e desenvolverase entre os meses de marzo e abril na Casa Dopeso (Rúa de Rosalía de Castro nº 28) da vila pontesa.

O prazo de inscrición, de carácter gratuíto, estará aberto do 19 de febreiro ao 4 de marzo. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición de maneira en liña, a través do espazo web da UDC Sénior As Pontes (https://universidadesenior.org/as-pontes/ ), ou presencialmente, a través da Secretaría de Alcaldía do Concello de As Pontes (Casa do Concello).

O programa estrutúrase en tres módulos, compostos por sesións teóricas impartidas por profesorado daUniversidade da Coruña. As sesións desenvolveranse dous días á semana, en horario de 17:00 a 19:00 horas, e abordarán unha ampla variedade de temáticas de interese social, cultural, científico e sanitario.

MÓDULO I. HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS

9 de marzo: “O xigante esperto: China, a gran descoñecida”, do prof. Iván Nieto Cerdeiriña

11 de marzo: “Arte de vangarda: manual de instrucións”, do `prof. Fernando Agrasar Quiroga

16 de marzo: “A xustiza penal en España: mitos e realidades”, da profa. Eva Mª Souto García e o prof. J. Antonio Ramos Vázquez

MÓDULO II. CIENCIAS DA TERRA E TECNOLOXÍA

23 de marzo: “A revolución dixital na xestión da auga”, do profa. Miriam Timiraos Diaz

25 de marzo: “O coche do futuro moverase con hidróxeno?”, da profa. Socorro Castro García

6 de abril: “Enerxías renovables e transición ecolóxica: o papel da cidadanía” do prof. José Antonio Cortés Vázquez

MÓDULO III. CIENCIAS DA VIDA E DA SAÚDE

13 de abril: “Cerebro: memoria, sono e rock and roll”, do prof. Casto Rivadulla Fernández

15 de abril:  “Evolución ou extinción: eu decido”, da profa. Esther Fernández Fernández.

20 de abril: “Cambio climático: causas, consecuencias e solucións”, do prof. Salvador Fojón Polanco

Con este programa, a Universidade Sénior reafirma o seu compromiso de achegar a formación universitaria ás persoas maiores de 50 anos de As Pontes, dando resposta ás súas inquedanzas e necesidades formativas como ven facendo desde a primeira edición deste programa no ano 2018.

Comparte éste artículo
No hay comentarios