O BNG de Lugo comezou a traballar de cara ás eleccións municipais de 2027 celebrando un econtro de traballo con cargos municipais para «compartir experiencias de alcaldías do BNG que pasaron da oposición ao goberno para extraer aprendizaxes útiles de cara ás eleccións municipais de 2027». O acto estivo moderado polo Portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e contou coa participación de Xosé Antonio Pérez (Alcalde de Verea), Ana Ermida (Alcaldesa de Barreiros) e Xosé Lois Vilariño (Alcalde da Pobra do Brollón).
A sesión tratou sobre a identificación de boas prácticas, dinámicas de traballo efectivas e claves para consolidar alternativas de goberno en concellos da Galiza, e contou con distintas poñencias por parte dos cargos convidados e debates con todas as persoas participantes.
Entre as ideas centrais que se traballaron destacan a importancia de construír o proxecto político a través da escoita activa e da proximidade coa veciñanza, así como a necesidade de crear unha narrativa local propia e de fortalecer o traballo en rede do BNG nos concellos da Galiza.