A Libraría Cartabón organiza un acto coa presenza do autor, Xosé Gago, acompañado polo poeta Samuel Merin.
O acto, que terá lugar o 5 de marzo a partir das 20:00 na Libraría Cartabón (Rúa Urzáiz 125, Vigo), contará coa presenza do poeta Samuel Merino. Samuel, poeta de Mos cunha longa traxectoria, vén de publicar en 2025 Manual de Camuflaxe e de recibir premios como o Premio Nacional de Poesía Viva ou o Manuel Lueiro Rey.
O acto está pensado como un diálogo entre os dous poetas mais pretende estenderse tamén cara ao público, xerando unha conversa en torno á poesía, a identidade, o individual e o colectivo.
O libro
Co título Agora, eu cariota saíu á luz o primeiro poemario de Xosé Gago, editado por Laiovento. O autor nútrese da súa experiencia no eido da xestión do patrimonio en comunidade, principalmente no concello da Pobra do Brollón.
“O poemario está atravesado por unha reivindicación do comunitario, das redes de coidados e da veciñanza como elemento de resistencia,” comenta Gago.
O volume nace tras anos intensos como técnico de Cultura e da reflexión a partir do seu propio traballo, experiencias vividas e aprendizaxes. Destaca a capacidade de creación de imaxes potentes a través de poemas curtos.
Estrutúrase en torno a varios capítulos. O capítulo central, “Ribeiranas”, está inspirado na experiencia profesional e persoal de Gago nas ribeiras do Sil en Trasmonte, onde participou no proxecto de xestión comunitaria do patrimonio Adegas da Memoria e onde acabou por facerse con viñedo. Así, a ribeira e o mundo da viticultura tradicional teñen un espazo esencial no poemario.
Agora, eu cariota conta cun prólogo da poeta Susana Sanches Aríns e unha nota na contraportada do tamén poeta Xosé Mº Álvarez Cáccamo. Está nas librarías baixo o selo «VentoAlto», colección de poesía da editorial Laiovento.