Comunicado de DIEM25 Vigo en apoio á manifestación “Vigo pola paz e a democracia. Non ao fascismo”

Screenshot

Desde DiEM25 Vigo (Democracy in Europe Movement 2025) anunciamos o noso apoio e chamamento á participación na manifestación unitaria convocada por: Amigos das árbores, Amigas da Terra, Amnistía Internacional, Foro Socio-Educativo “As Ninguéns”, Asociación Cidadá Galega Fernando Hoyos, Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública, Ateneo Atlántico, Asociación de Veciños do Calvario, Asociación de Veciños de Lavadores, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Comisión Obreira (CC.OO.), Confederación Intersindical Galega (CIG), Confederación Xeral dos Traballadores (CGT), Colectivo Cultural Pertenza, Colectivo Rexurdir Galicia, Colectivo Cidadá Propalestina, Comunidade de Montes de Lavadores, Central Unitaria de Traballadores (CUT), Diem 25 en Galicia, Distopías 18, Ecoloxistas Galicia Atlántica e Verde, Esquerda Unida, Federación de Asociacións de Veciños FAVEC, FOANPAS, Foro Cívico, Greenpeace, lIrmandade Obreira de Acción Católica (HOAC), Lucenza, Ateneo de Nigrán, Memoria, Verdade e Xustiza, Modepen, Movemento  SUMAR GALICIA, Asociación Cidadá Galega no Ollo do Furacán, Parar a guerra, Oxfam Intermón, Parroquia Cristo da Vitoria, Partido Comunista de Galicia (PCG), Partido Comunista do Pobo Galego (PCPG), Plataforma Somos Elas Galicia, Podemos Galicia, PSdeG-PSOE, Recortes Cero, Sindicato de Inquilinas, UTEG, Unión Xeral de Traballadores (UGT), Un mundo sen guerras e sen violencia, Verdes Equo, Xustiza e Sociedade, para o martes 3 de marzo de 2026, ás 19:30 horas, en Vía Norte con Urzáiz, baixo o lema: “Vigo pola paz e a democracia. Non ao fascismo. Salvar Palestina é salvar á humanidade.”

O mundo atravesa un momento decisivo. A orde internacional baseada no respecto ao Dereito Internacional, aos Dereitos Humanos e aos valores universais da democracia está a ser substituída pola forza bruta, o autoritarismo, a ocupación e a impunidade. Vivimos un tempo de normalización do horror.

O xenocidio do pobo palestino continúa baixo a cobertura dun falso “plan de paz” que perpetúa a ocupación, a limpeza étnica e o espolio, coa participación activa das grandes potencias e coa complicidade ou pasividade dunha Unión Europea incapaz de facer valer os seus propios principios fundacionais. Ao mesmo tempo, asistimos ao desprezo sistemático do dereito internacional en múltiples rexións do mundo, á normalización dos crimes de guerra, ao incremento do militarismo e ao asentamento dunha cultura belicista que presenta a confrontación como inevitable.

Os discursos fascistas medran en Europa e noutras rexións, alimentados polo medo, a desigualdade e a precariedade, atacando as liberdades fundamentais, os dereitos das mulleres, das minorías e dos pobos empobrecidos. A historia ensínanos que o silencio e a resignación fronte á barbarie só fortalecen ás forzas reaccionarias.

Desde DiEM25 afirmamos con claridade:

• Que non podemos aceptar que o Dereito Internacional e os Dereitos Humanos sexan violados sen consecuencias.

• Que as Nacións Unidas sexan reducidas á irrelevancia polas potencias hexemónicas.

• Que a Unión Europea renuncie a desempeñar un papel autónomo en favor da paz e da xustiza internacional.

• Que o fascismo, con novas facianas e novas linguaxes, avance alimentado pola economía da guerra e pola financiarización do conflito.

• Que a palabra “paz” sexa desnaturalizada para xustificar ocupacións, apartheid,dominación e xenocidio.

Como movemento paneuropeo de masas que loita pola democratización de Europa e pola articulación da sociedade civil do continente, DiEM25 sostén que a crise actual non é só xeopolítica: é unha crise democrática profunda. A Unión Europea non pode seguir sendo un actor subordinado aos intereses militares da OTAN nin aos ditados do imperialismo norteamericano. Necesitamos unha Europa soberana, democrática e comprometida coa diplomacia, co desarme, co respecto ao dereito internacional e coa defensa activa dos dereitos humanos sen dobres estándares.

Defender Palestina hoxe é defender a universalidade dos dereitos humanos. É afirmar que ningunha vida vale menos ca outra. É rexeitar a lóxica imperial que converte pobos enteiros en pezas dun taboleiro xeoestratéxico. E é tamén defender a propia democracia europea, ameazada polo auxe do autoritarismo, pola securitización das políticas públicas e pola erosión das garantías sociais.

DiEM25 chama á cidadanía de Vigo e de toda Galicia a participar nesta mobilización cívica, plural e solidaria. A nosa presenza na rúa é un acto de resistencia democrática. Vigo, cidade de acollida e de memoria obreira, debe ser tamén voz firme en defensa da paz con xustiza, da soberanía dos pobos e dun internacionalismo solidario fronte ao militarismo e á barbarie.

Vigo pola paz e a democracia: non ao fascismo.

Salvar Palestina é salvar á humanidade.

Polos dereitos humanos e a soberanía dos pobos. Contra o imperialismo.

Salvar a humanidade é urxente. Parar as guerras no planeta é posible. 

Frear o fascismo é un deber democrático e ético.

O 3 de marzo de 2026 estaremos na rúa.

Porque outra Europa é posible.

Porque a paz require xustiza.

Porque a democracia non se negocia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios