O Ourense CF colle aire mentres afoga un pouco máis ao Arenteiro no derbi do Couto

Un gol en cada tempo levou ao Ourense ao triunfo no derbi contra o Arenteiro, O partido estana encadrado na loita pola supervivencia dos dous contendentes na terceira categoría. O cadro local aproveitou os seus mellores minutos para anotar ao superarse o cuarto de hora por medio de Aymane. Case no mesmo momento do segundo tempo, aproveitando un grave erro, Martín Ochoa sentenciou ao seu ex equipo.

Aymane desequilibra axiña

O partido non comezou ben para o Arenteiro. No quecemento, Eliseo, a quen Jorge Cuesta quería como titular, non puido saír ao sentirse mal. O defensa foi substituído por Moyà.
O Ourense entrou máis activo. Non pasara o primeiro minuto cando Martín Ochoa, ex do Arenteiro, fixo a ruptura e, algo escorado, procurou o primeiro pau cun xute arriba que rexeitou Alvin. O atacante non quería demorar en devolverlle ao seu técnico o agradecemento pola primeira titularidade.
O cadro de Dani Llácer validou esa inercia adiantándose no segundo achegamento. A importancia ofensiva dos centrais en ataque mostrouse na aparición de Aymane na área carballinesa. O ex do Barakaldo adiantouse a Lasure e, cunha cabezada colocada, quebrou as táboas iniciais do derbi provincial. Primeiro gol do central cos azulados.
Tardou o Arenteiro en atoparlle o xeito ao xogo. Jerin mandaba no centro até que os visitantes contrarrestaron esa superioridade co traballo de Brais Val e Bastida.
En calquera caso, os forasteiros demoraron case media hora en ter algunha opción na área ourensanista. No minuto 27, David entrou pola esquerda para colocar un centro ao segundo pau, Hugo Sanz cubriu ben a traxectoria e impediu que Cuéllar chegara a xutar na área pequena.
Ratón, tras tres xornadas no banco, demostrou as razóns da súa volta á titularidade na parte final do primeiro período. No minuto 40, evitou o empate logo dun centro desde a dereita do ataque. Raúl prolongou e Mingo, no segundo pau, chegou co pé para rematar na curta. O meta rexeitou indo co corpo abaixo.
Un minuto despois. Ratón volveu a salvar ao seu equipo nun xute de Mingo desde o borde da media lúa. Estirouse para desviar un balón que se dirixía á escuadra na derradeira ocasión que narrar antes do descanso.

Aproveitar o erro do rival e culminar co gol do ex

O segundo tempo devolveu a igualdade ao xogo. O Ourense saíu mais axustado. Por iso, nada aconteceu até as primeiras substitucións. Foi outro golpe psicolóxico porque os rapaces de Dani Llácer aumentaron a vantaxe ao minuto das primeiras modificacións de Cuesta aproveitando un erro na saída do Arenteiro.
Hugo Sanz roubou perto da área rival, Con Lôhr aberto, o coiro do lateral chegou entre os centrais a Martín Ochoa. O rioxano, tras unha reviravolta, encarou a Alvin, que aínda viuse máis prexudicado ao ver como o disparo se volvía máis inalcanzable ao rozar en Moyà. O zagueiro metera a perna á desesperada para desviar e tentar evitar a maldición do gol do ex cando se superara a hora do encontro.
No minuto 66, Guerreiro quixo facelo todo noutra contra e, en lugar de servir a Martín Ochoa, porque David Muñoz xa estaba en fóra de xogo, xutou cruzado. O ferrolán mandou o coiro fóra de paus perdendo a opción de que o seu equipo subira o terceiro gol da tarde.
O gol matara o partido. O Arenteiro quixo controlar e presionar ao rival. Só tivo o balón, porque o Ourense, ben ordenado, impediulle crear accións de perigo.
As novas substitucións non modificaron o visto, aínda que trouxeron o retorno ao verde de Amín, despois de tres xornadas afastado.
Ao final, o Ourense sumou os tres puntos do derbi, que o manteñen fóra dos postos de descenso. Pola contra, os que non saen deles son os veciños do Carballiño, quen suman a terceira derrota consecutiva. É o seu hábitat na temporada desde a décima xornada, salvando a paréntese da 17, cando derrotaran ao pechacancelas, Osasuna B, en Espiñedo.

Ficha

SÁBADO 28/02/2026 (16,15) Campo: O COUTO (1.500)
OURENSE C.F. : 2 – C.D. ARENTEIRO : 0 (1‑0)

OUR : Ratón; Coto, Carmona, Aymane (Adri Pérez 89’), Hugo Sanz; César, Jerin (Yuste 80’), Rabadán (David Muñoz 62’); Guerrero (Aranzabe 89’), Martín Ochoa (Amín 80’), Raúl. Tre. Dani Llácer. (Banco: Alberto (g); Miguel Prado; Guèye; Luis Rivas; Punzano; Sergio Benito).
ART : Alvin; Jordan (Bilal 82’), Löhr, Moyà, Lasure (Molina 60’); Cuéllar (Diego Moreno 60’’), Brais Val (Chuca 69’), Álex López (Nacho Ramón 69’), Bastida, David; Mingo. Tre. Jorge Cuesta. (Banco: Diego García (g); Eliseo; Dani González; Adilson).
Goles: 1-0 Aymane 16’; 2-0 Martín Ochoa 62’.
Árbitro: Conejero Sánchez (Estremadura). Auxiliares: Arévalo Rosado e Corgo Suárez. 4º árb.: Alonso Luíña.
Disciplina: CA: Jordan 15’; Rabadán 39’; César 42’; Chuca 83’.

Comparte éste artículo
No hay comentarios