Unha vez máis, o PP demostra que non ten nada de galeguista e busca, sempre que ten oportunidade, borrar a nosa historia e identidade. Coa nova proposta que está elaborando de anteproxecto de Lei da Administración Local de Galicia, o PP fai desaparecer as parroquias e as comarcas como entes locais de Galicia con capacidade económica e de xestión.
Un dos mellores signos de identidade galega son as parroquias, que naceron partindo directamente dos castros. As parroquias identifican e diferencian o rural galego, dándolle estrutura territorial, social, eclesiástica e de tránsito á outra vida a través dos camposantos, que tamén son de carácter parroquial.
Galicia conta con 3.770 parroquias, a unidade de identificación máis clara para case toda a poboación. Mesmo quen vive nas cidades mantén o sentimento parroquial, levándoo aos barrios, festas, asociacións veciñais e culturais ou equipos de xogo, o que constitúe unha proba evidente desta realidade.
Ao mesmo tempo, hai entre 3.000 e 5.000 castros identificados no Inventario do Patrimonio Cultural de Galicia, o que significa que levamos miles de anos de xeracións vivindo nunha das terras máis frutíferas de Europa e do mundo.
Sobre as comarcas, e segundo o Decreto 65/1997 mantido polo Instituto Galego de Estatística, Galicia ten 53 comarcas que obedecen a características naturais, vínculos socioeconómicos, culturais, lingüísticos, tradicionais e climatolóxicos, entre outros.
Nas últimas décadas, desafortunadamente, as comarcas apenas comarcalizaron servizos para aforrar custes. Este debería ser o seu cometido, pero non foi a realidade. O que debería facer a Xunta é potenciar as oportunidades que ofrecen as comarcas no canto de eliminalas.
Defendamos a nosa identidade. Por honrar aos nosos ascendentes, por orgullo de país, porque queremos a Galicia e as súas tradicións, a natureza e o misterio dos recunchos das aldeas. Fagámolo para que os nosos descendentes sigan sentindo afouteza, cos pés pegados na terra e velando aos ancestros no cemiterio parroquial.