A Universidade Sénior, o programa universitario para maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, porá en marcha en 2026 a 6ª edición do Programa de Formación Universitaria Específico para persoas maiores de Ortigueira e da súa comarca.
Esta iniciativa conta co financiamento da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello de Ortigueira, e desenvolverase entre os meses de abril e maio no Teatro da Beneficencia.
O prazo de inscrición, de carácter gratuíto, estará aberto do 13 ao 25 de marzo. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición en liña, a través da páxina web da UDC Sénior Ortigueira (https://universidadesenior.org/ortigueira/), ou presencialmente no Departamento de Cultura do Concello de Ortigueira.
O programa estrutúrase en tres módulos temáticos, compostos por sesións teóricas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña. As sesións desenvolveranse dous días á semana, en horario de 17:00 a 19:00 horas, e abordarán unha ampla variedade de temáticas de interese social, cultural, científico e sanitario.
MÓDULO I. HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS
- 6 de abril: “O xigante esperto: China, a gran descoñecida”, do prof. Iván Nieto Cerdeiriña
- 7 de abril : “Arte de vangarda: manual de instrucións”, do prof. Fernando Agrasar Quiroga
- 13 de abril: “A xustiza penal en España: mitos e realidades”, da profa. Eva Mª Souto García e do prof. J. Antonio Ramos Vázquez
MÓDULO II. CIENCIAS DA TERRA E TECNOLOXÍA
- 20 de abril: “A revolución dixital na xestión da auga”, da profa. Miriam Timiraos Díaz
- 21 de abril: “O coche do futuro moverase con hidróxeno?”, da profa. Socorro Castro García
- 27 de abril: “Enerxías renovables e transición ecolóxica: o papel da cidadanía”, do prof. José Antonio Cortés Vázquez
MÓDULO III. CIENCIAS DA VIDA E DA SAÚDE
- 4 de maio: “Cerebro: memoria, sono e rock and roll”, do prof. Casto Rivadulla Fernández
- 5 de maio: “Evolución ou extinción: eu decido”, da profa. Esther Fernández Fernández
- 11 de maio: “Cambio climático: causas, consecuencias e solucións”, do prof. Salvador Fojón Polanco
Con este programa, a Universidade Sénior reafirma o seu compromiso de achegar a formación universitaria ás persoas maiores de 50 anos de Ortigueira e da súa comarca, dando resposta ás súas inquedanzas e intereses formativos. Esta iniciativa forma parte do Programa de Democratización do Coñecemento que a Universidade da Coruña desenvolve en diferentes vilas e comarcas galegas desde o ano 2018.