En Oleiros, se es unha rata, estás de parabéns. Mentres os veciños ven como os seus impostos soben cara á estratosfera, o Concello decidiu que a prioridade non é a salubridade, senón o escaparatismo. O PSdeG de Oleiros acaba de denunciar o que moitos xa sabían ao tapar o nariz: o mantemento dos espazos públicos está a caer nun abismo de sucidade, e non precisamente por falta de orzamento, senón por unha evidente falta de «ganas».
De Trump ao Multiusos, pasando polo lixo
Resulta fascinante a capacidade de García Seoane para falar de xeopolítica, de Donald Trump ou de calquera polémica a dez mil quilómetros de distancia, mentres a poucos metros da casa consistorial as ratas campan ás súas anchas. En Dorneda, por exemplo, hai arquetas rotas desde hai dous anos. Dous anos! Comunicouse ao «irresponsable» de servizos, pero en Oleiros parece que as queixas dos veciños teñen menos valor que un chío de política internacional.
O plan é mestre: gastamos millóns no novo Multiusos para poder facer a foto da inauguración, pero escatimamos en desratización. O contrato de control de pragas licitouse por pouco máis de 9.000 euros. Con iso non dá nin para mercar trampas suficientes nun concello coa extensión de Oleiros, e moito menos para pagar un soldo digno a quen teña que poñelas. É a política do «low cost» para o esencial e o «luxe» para o que brilla.
A culpa sempre é de fóra
A táctica de Alternativa dos Veciños xa nos a coñecemos todos: se o lixo se amorea fóra dos colectores, a culpa é do Consorcio das Mariñas. Pero, e a limpeza viaria? Esa competencia é municipal, adxudicada por AV, e nos pregos di claramente que hai que limpar arredor dos colectores. Convidar aos veciños a que denuncien aos incívicos é a última xenialidade de Seoane para quitarse o morto de enriba. Porque claro, denunciar cansa, pero gobernar parece que tamén.
As ratas teñen agora «autoestradas» grazas ás tapas de rexistro rebentadas. Mentres a recta de Bastiagueiro loce impoluta para que a vexan os que pasan, a realidade de moitos barrios son buratos de entrada e saída de roedores que o Concello se nega a tapar.
Seoane debería baixar un momento do pedestal da política global e mirar ao chan. Igual se dá conta de que, mentres el arranxa o mundo, Oleiros está a converterse nun parque temático para os roedores.