O proxecto de dragaxe do acceso ao porto de Pontevedra no río Lérez que promove Portos pretende extraer medio millón de m³ de sedimentos potencialmente contaminados pola actividade de ENCE e deitalos fronte á canle de entrada da ría de Arousa.
O punto de vertido destes materiais (denominado «zona B»), designado polo Ministerio en 2025, atópase a apenas 1 milla do anterior punto «E0», no que até 2017 foron vertidos uns 4 millóns de metros cúbicos de materiais con diferentes graos de contaminación, e dos que case 2 millóns foron mobilizados polas mareas e correntes de afloramento cara ao interior da ría de Arousa.
Agora, Portos de Galiza, coa aquiescencia do Ministerio, pretende volver deitar os materiais das dragaxes dos portos de Arousa e Pontevedra nunha localización moi similar á anterior, e ao igual que aquela, en plena canle de entrada da ría de Arousa. Os datos dos modelos de dispersión de correntes corroboraron que os materiais depositados nestas localizacións, e con importantes cantidades de contaminantes, serán recirculados cara ao interior da ría polas mareas e correntes de afloramento, o que fai que se incorporen ás cadea tróficas. Deste xeito, unha grande parte dos materiais contaminados dos portos e vertidos no mar, como se pretende facer agora cos da canle do Lérez, acaban dispersos por toda a ría de Arousa, «socializando» a polución.
Insuficiente mostraxe e incorrecta caracterización dos sedimentos
Xa a toma de mostras que avala a caracterización dos sedimentos a dragar deste proxecto amosa preocupantes nesgos metodolóxicos. A totalidade das mostras tomadas nas zonas con cota de dragado de -3,5m foron superficiais e non poderían considerarse representativas da profundidade e do volume de sedimento a dragar. Pasa o mesmo co 72 % das mostras correspondentes á cota de -3m e, igualmente co 57 % das tomadas en zonas con cota de -2,5m. O total de material a dragar para o que se fixo só unha toma de mostra superficial resulta ser de de 300.855 m³. As analíticas de mostras superficiais non poden ser utilizadas para caracterizar a totalidade da columna do material a dragar.
Este nesgo na metodoloxía da toma de mostras é relevante, xa que unha parte importante da contaminación acumulada na zona procede da actividade de empresas como Ence, Elnosa ou Tafisa durante amplos períodos de tempo. Ditos contaminantes poden ficar acumulados en profundidade, polo que unha mostraxe maioritariamente superficial amosa o carácter dos sedimentos máis recentes.
As analíticas realizadas nos sedimentos presentes na canle amosan a presenza dunha relevante contaminación, principalmente por metais pesados, relacionada probábelmenmte coa actividade da fatoría de ENCE (e antes tamén ELNOSA) na enseada de Lourizán. Da análise das mostras tamén podemos concluír que 28 delas que superan o 10% de finos (diámetro < 0,063mm), 17 mostras superan o 20% de finos, 12 mostras superan o 30% de finos e 7 mostras superan o 40% de finos. Os finos están asociados á presenza de contaminantes e son perigosos pola súa capacidade de expandirse ao seren mobilizados, tanto durante o dragado como na vertedura. Asemade, o 27% das mostras superan o 2% de COT (carbono orgánico total), un axente eutrofizante que aumenta o risco e a intensidade da concorrencia de mareas vermellas.
Incumprimento dun Acordo parlamentar: tratar os materiais en terra
A Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento de Galiza, na súa sesión do 15 de xaneiro de 2020, adoptou o seguinte acordo aprobado sen modificacións respecto do texto orixinal: “O Parlamento insta á Xunta de Galicia a realizar unha proposta para a retirada e tratamento en terra dos lodos procedentes da dragaxe da canle do río Lérez, que pola súa potencial carga contaminante ou prexudicial, non sexan susceptíbeis de ser utilizados para a rexeneración doutras zonas da ría”.
No presente proxecto, os sedimentos extraídos non resultan axeitados para a rexeneración de praias ou bancos marisqueiros, como consecuencia da presenza de materiais potencialmente contaminantes. Xa que logo, e atendendo ao acodo unánime adoptado pola Comisión 2º do Parlamento Galego, estes materiais deberían ser tratados en terra. Cómpre abandonar a pretensión de facer uso do punto de vertido na zona proposta (B) ou en calquera das outras autorizadas polo Ministerio.
ADEGA pide a Portos de Galiza que rexeite o actual proxecto de dragaxe da canle do Lérez debido ás carencias e riscos que presenta, e ao Ministerio que anule a designación punto de vertido denominado «B», polos riscos que supón para a dinámica natural e produtiva da Ría de Arousa.