O Viveiro quebra a racha de seis partidos sen gañar nun accidentado partido ante o Gran Peña

O Viveiro deu outro paso para asegurar definitivamente a permanencia tras vencer ao Gran Peña nun partido accidentado. Rolle adiantou moi cedo aos locais. No segundo tempo o partido estivo parado 19 minutos á espera de que unha ambulancia chegara ao campo para trasladar a Toni a un hospital. Ao lateral saíraselle a clavícula. Despois empatou Fran e, finalmente, Diogo recuperou a vantaxe maraiñana facendo que os celestes quebren unha mala xeira de seis partidos sen gañar.

O gol de Rolle afianza o xogo do Viveiro

O partido púxose moi ben para o Viveiro, que se adiantou aos dous minutos. Rolle aproveitou a dúbida defensiva grampeñista, correu polo balón sen dono no carreiro do 10 e picou co seu pé de seda por riba da saída de Asier, que volvía á titularidade logo dos cinco recibidos por Andrés en Compostela.
O Viveiro seguiu cómodo no xogo e Lansade achegouse perto do segundo cun xute desde fóra da área que desviou Asier. A mesma sorte correu o golpeo de Käblik, desde fóra da área, cando xa se superara o cuarto de hora.
O Gran Peña era dono da bola, buscaba diagonais para gañar profundidade. Iker Rodríguez tivo a súa opción nun balón que a defensa local deixou en tres cuartos, desde onde o centrocampista franxibranco xutou por riba da trabe.
Unha combinación entre Landesa e Barrios na media lúa facilitou o lanzamento co interior do segundo. Atib, cunha estirada, evitou o gol desviando pola liña de fondo no cuarto de partido.
O último cuarto de hora foi de control e dominio local, que con espazos, disparos desde fóra da área e accións de estratexia, creou un perigo que puido resolver a zaga viguesa, fundamentalmente pola notable actuación de Rubio,

Padiola, goles e golpes nun accidentado segundo tempo

Martín Blanco recuperou titulares logo do descanso. Fran e Cellerino pisaron o céspede para darlle ao Gran Peña máis poder ofensivo. Barros e Iker Rodríguez liberáronlles espazo caendo á dereita o primeiro atrasando uns metros o segundo. Así, os de Lavadores non mudaban o debuxo.
No minuto 56, o Gran Peña estivo a piques de aproveitar esa forza cun ataque longo que acabou no lado de Coira. O interior esquerdo xutou a rentes da trabe un balón que puido rozar na luva de Atib.
No minuto 58 o partido debeu parar 19 minutos ao saírselle a clavícula ao grampeñista Toni logo de caer nun choque con Lansade. O choque reanudouse despois que chegara a ambulancia e levara ao lateral ao hospital.
O cadro de Lavadores mantivo a presión tras o incidente. Callerino errou un disparo desde a frontal mandando a pelota moi alta, pero Fran atinou no minuto 62. Recolleu no segundo pau un balón non despexado dun córner e disparou desde perto sen que Atib puidera evitar o empate.
O Viveiro recuperou a vantaxe no minuto 76. Manu Martín, desde os tres cuartos, colocou unha falta na área e o coiro, que caeu aos pés de Diogo, foi xutado polo central á rede. Un defensa rozou a pelota e dificultando até o imposible a estirada de Asier.
Nun prolongamento que non deixou de ser accidentado, no que Diogo foi atendido dúas veces e Esquedeiro marchou lastimado, Sergio Cora estivo a piques de sentenciar nunha volea en escorzo que mandou perto da trabe aproveitando a tolerancia de Rubio.
O Viveiro achégase mellor á permanencia quebrando unha xeira de seis partidos sen vencer. Pola súa banda, o Gran Peña empeza a ver máis afastada a posibilidade de meterse entre os cinco primeiros da táboa.

Ficha

DOMINGO 05/04/2026 (12,00) Campo: CANTARRANA-KIKO REY (250)
VIVEIRO C.F. : 2 – GRAN PEÑA F.C. : 1 (1‑0)

VIV : Atib; Manu Martín, Colucci, Diego Fernández, Diogo, Esquerdeiro (Jacobo 88’); Käblik (Schneider 68’), Uriarte, Xoel, Lansade (Sergio Cora 68’); Rolle (Arturo 68’). Tre. Alberto López. (Banco: Mosqueira (g); Peli; Teixeira).
GPÑ : Asier; Toni (Álex Vila 58’), Rubio, Mati, Martín; Fontán (Cellerino D), Landesa (Fran D), Iker Rodríguez (Antón 58’), Arango, Coira; Barrios (Taboada 70’). Tre. Martín Blanco. (Banco: Andrés (g); Mateo; Cantero; André).
Goles: 1-0 Rolle 2’; 1-1 Fran 62’; 2-1 Diogo 76’.
Árbitro: Miguens Santiago (Galiza-Santiago). Auxiliares: Rodríguez Moar e García Liste.
Disciplina: CA: Diogo 33’; Lansade 58’; Fran 75’; Arturo 78’ / Alberto López (tre. VIV) 82’.
NOTAS: 58’ o partido fica detido durante 19 minutos até a chegada da ambulancia que levou ao visitante Toni ao hospital.

Foto portada: Lansade protexendo o balón de Rubio. © 21noticias.com
Foto : Toni retirado na padiola. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios