Amnistía Internacional Galicia presenta as súas propostas aos grupos parlamentarios polo debate xeral no Parlamento Galego

Co gallo da celebración do debate sobre política xeral entre o mércores 8 e o venres 10 de abril de 2026 no Parlamento Galego, Amnistía Internacional Galicia presenta aos grupos parlamentarios do parlamento galego unha serie de recomendacións sobre cinco temas clave de dereitos humanos en clave autonómica: sanidade, vivenda, crise climática, violencia de xénero e acollida á infancia migrante para a súa consideración na presentación das propostas de resolución no marco do devandito debate.

As principais recomendacións refírense a:

i) SANIDADE – Elaborar un plan plurianual de investimento en materia de sanidade, de xeito que Galicia dedique á Atención Primaria o 25% do seu orzamento sanitario, como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS).

ii) VIVENDA – Dobrar os recursos investidos en vivenda e incorporar a persepectiva de xénero nestas actuacións para que, en 2030, Galicia acade a media europea do 15% do parque de vivenda social a prezo accesible.

iii) CRISE CLIMÁTICA – Garantir que a actuación fronte á crise climática teña un enfoque baseado nos dereitos humanos e medidas de prevención, recuperación e formación da cidadanía en materia de incendios forestais.

iv) VIOLENCIA DE XÉNERO – Aumentar progresivamente os recursos para os xulgados de violencia de xénero, continuar impulsando a formación dos operadores xudiciais para rematar cos prexuízos sexistas que dificultan o acceso á xustiza, garantir que os centros 24 horas contan con equipos multidisciplinares con experiencia en violencia de xénero e un financiamento estable, continuar os esforzos por difundir a súa existencia con información clara e maior coordinación institucional e promover a impartición da educación afectivo-sexual nos centros educativos.

v) INFANCIA MIGRANTE – Dar unha resposta solidaria e corresponsable na acollida á infancia migrante trasladada a Galicia desde os centros saturados de Canarias e Ceuta, asignando os recursos adecuados para garantir unha acollida digna en centros pequenos adecuados, en lugar de macrocentros, e familias acolledoras, con supervisión efectiva e itinerarios individualizados de inclusión e formación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios