Os socialistas piden trasladar ao Ministerio a oposición veciñal e sumarse a Culleredo para abrir unha negociación sobre a ubicación.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo elevará ao vindeiro pleno unha moción para forzar unha postura unánime da corporación contra a nova estación ferroviaria de mercadorías proxectada na contorna de Orro e Souto. A iniciativa nace como resposta ao crecente malestar veciñal e busca que o Concello traslade oficialmente ao Ministerio de Transportes a súa oposición frontal a unha ubicación que ameaza a calidade de vida do rural.
O voceiro socialista, Martín Seco, defende que Arteixo debe liderar a defensa do seu territorio: «Non podemos quedar á marxe dunha decisión que condiciona o noso futuro. Cómpre sumar forzas con Culleredo para esixir alternativas que non prexudiquen aos núcleos habitados». Seco lembrou que a presión social xa logrou descartar no seu día a localización en Uxes, polo que insta ao Ministerio a «escoitar de novo á veciñanza para atopar unha solución equilibrada».
Os socialistas apoian activamente a recollida de sinaturas en Souto e reclaman un proceso «transparente e rigoroso». Para o PSOE, o progreso loxístico e ferroviario «non pode facerse a costa dos veciños», polo que piden ao goberno de Arteixo unha resposta firme e sen fisuras.