O BNG volverá a esixir ao Goberno actuar ante os bloqueos indiscriminados de webs por parte de LaLiga e Movistar

Néstor Rego anuncia o rexistro de novas iniciativas para que o Goberno actúen ante o bloqueo de millares de IPs completas que agora afectan tamén a servizos esenciais.

Ante os novos casos de bloqueos indiscriminados de páxinas web totalmente lexítimas, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanza o rexistro de novas iniciativas para que o Goberno do Estado deixe de ampararse na resolución xudicial e actúe para impedir novos bloqueos a servizos web, negocios, asociacións culturais e do mundo tecnolóxico.

O Bloque Nacionalista Galego advirte que a situación deu un salto cualitativo nas últimas semanas, logo de que diversas informacións publicadas nos medios de comunicación alertasen de que os bloqueos xa non só afectan a páxinas web comerciais ou culturais, senón tamén a servizos dixitais críticos. Entre estes, destacan ferramentas de xeolocalización empregadas para o seguimento de persoas vulnerábeis, como persoas maiores, dependentes ou menores, o que introduce un risco evidente para a súa seguridade e integridade.

O deputado nacionalista subliña que estes feitos evidencian “un uso desproporcionado e tecnicamente deficiente das medidas de bloqueo”, que están a provocar consecuencias moi graves para terceiros alleos a calquera actividade ilícita. “Estamos ante unha situación en que intereses privados están a prevalecer sobre dereitos básicos e mesmo sobre a prestación de servizos esenciais, sen control efectivo por parte dos poderes públicos” sinala Rego.

O BNG considera inaceptábel que, baixo a cobertura da loita contra a pirataría, se estea a permitir o bloqueo masivo de IPs compartidas, afectando a miles de proxectos lexítimos e, agora tamén, a ferramentas vinculadas ao ámbito social e asistencial. Neste sentido, Néstor Rego insiste en que “non se pode consentir que empresas privadas teñan, na práctica, capacidade para interromper servizos críticos sen garantías suficientes nin supervisión específica caso por caso”.

Así, Néstor Rego rexistrará novas iniciativas parlamentarias co obxectivo de reforzar as garantías e obrigar o Goberno do Estado a actuar de maneira inmediata. Entre as medidas propostas, ademais de reiterar a necesidade de impedir o bloqueo de IPscompletas, incluiranse mecanismos específicos de protección para servizos esenciais e sensibles, así como protocolos de avaliación de impacto previo que eviten danos a terceiros.

Finalmente, o deputado do BNG urxe o executivo a revisar o marco normativo e as prácticas actuais para garantir que a defensa dos dereitos de propiedade intelectual non se realice en detrimento doutros dereitos fundamentais nin da continuidade de servizos dixitais básicos, especialmente aqueles que afectan a colectivos en situación de vulnerabilidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios