O PP critica que o novo modelo de goberno de Carmela López mantén “os vellos vicios e a nula preocupación” de Tomé pola seguridade nas estradas provinciais

Antonio Ameijide insiste en que é necesario que dende a Deputación de Lugo se elabore un plan de actuación “obxectivo e igualitario” para a reparación, mellora e mantemento das vías provinciais e así garantir a súa seguridade, un plan que se debe de elaborar atendendo a criterios de perigosidade, o grao de alcance dos danos e aquelas estradas nas que hai máis tempo que non se actúa.

Os deputados do Grupo Provincial Popular seguen a poñer o foco na “nula preocupación” pola seguridade viaria do goberno de PSOE e BNG que “nin co cambio na presidencia amosan un mínimo interese por corrixir as numerosas e enormes deficiencias” que hai nas estradas de titularidade provincial.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, sinala que “semanalmente percorremos toda a provincia, polo que coñecemos moi ben as deficiencias da rede viaria provincial” e podemos poñer exemplos do que “se fai ben, regular e mal”, problemas que van dende blandóns, firme socavado, desgaste do pavimento, buratos de distintos tamaños e profundidades situados nalgúns casos en zonas de curva ou cambios de rasante ata a ausencia total de pavimento na calzada, entre outras, o que provoca distintos danos nos vehículos e, incluso, provocar accidentes de tráfico.

Neste senso, Ameijide sinala como “é primordial” realizar un mantemento periódico de toda a rede, “algo que hai 20 anos que deixou de facerse, porque para PSOE e BNG o mantemento non é importante porque non o poden inaugurar”, polo que “calquera deficiencia, como as fochancas, por pequenas que sexan, senón se arranxan de inmediato medran ata ser un problema de grandes dimensións”.

Ameijide tamén fai fincapé na situación das cunetas, poñendo como exemplo a estrada LU-P-6502, en Muras, unha vía na que as cunetas están completamente tupidas por vexetación, lixo e outros elementos, o que provoca que “non cumpran a súa función e non evacúen a auga, polo que esta corre polo pavimento provocando danos que aumentan a degradación do firme”.

“Nesta estrada comprobamos como hai numerosos puntos nos que a auga corre polo firme ao non ter capacidade de evacuación as cunetas e, naquelas zonas onde podería evacuarse, fórmanse grandes balsas de auga ao haber elementos que impiden que se canalice”, explicou.

Tamén é preciso prestar máis atención á limpeza das tubaxes de drenaxe xa que “hai moitas tupidas polo que non evacúan a auga”. Un exemplo tivémolo hai poucas semanas en Cervantes, na LU-P-1402, estrada na que se derrubou parte do firme por mor da auga acumulada por estas completamente tupidas as drenaxes.

Outro dos puntos que apunta a corrixir o voceiro popular é o material empregado para o bacheo ou pequenas reparacións. Neste senso, pon como exemplo a estrada LU-P-4710, na Pobra do Brollón, onde se taparon varias fochancas con grava en lugar de empregar asfalto ou aglomerado, o que está a provocar que xa comecen a aparecer de novo os baches, xerando un gran malestar entre a veciñanza e provocando de novo problemas para a seguridade viaria.

Antonio Ameijide insiste en que é necesario que dende a Deputación de Lugo se elabore un plan de actuación “obxectivo e igualitario” para a reparación, mellora e mantemento das vías provinciais e así garantir a súa seguridade, un plan que se debe de elaborar atendendo a criterios de perigosidade, o grao de alcance dos danos e aquelas estradas nas que hai máis tempo que non se actúa.

Un plan que debe de ir da man da dotación de maior orzamento para as partidas dirixidas á reparación, conservación e mantemento das vías provinciais “porque de nada vale realizar máis actuacións co mesmo orzamento porque non será traballos adecuados e seguramente, en pouco tempo, os problemas volverán a aparecer”.

Antonio Ameijide recorda que levamos moitos anos denunciando a inacción do goberno provincial de PSOE e BNG no mantemento das estradas provinciais o que converte a rede viaria da Deputación de Lugo “en estradas moi perigosas e, en moitos puntos, directamente intransitables”.

Esta situación provoca problemas nas comunicación dos lucenses, lastrando o desenvolvemento do territorio e, incluso, sendo un risco para os seus usuarios: “cómpre que a Deputación de Lugo se tome en serio o mantemento e a reparación das estradas que empregan a diario os veciños e veciñas da provincia para ofrecer unha vías en condicións de seguridade”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios