O PP de Monforte cre que “o PSOE en Madrid se avergoña do apoio dos concelleiros socialistas ao alcalde, José Tomé, inmerso nun procedemento xudicial”

A portavoz, Katy Varela, pregúntase “se é que Ferraz os botou do partido por avergoñarse de que o grupo do PSOE siga apoiando a Tomé e non o queren recoñecer ou se realmente todos abandonaron o Grupo Municipal Socialista de Monforte e están enganando aos cidadáns”.

O PP de Monforte cre que “en Madrid se avergoñan do apoio dos concelleiros socialistas ao alcalde, José Tomé, inmerso nun procedemento xudicial”. Así o manifesta tras comprobar que na web do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática constan como non adscritos. É dicir, “dende Madrid prefiren que publicamente non conste que os concelleiros do PSOE en Monforte protexen a José Tomé”.

Os populares esixen “claridade e transparencia” cos veciños e veciñas ante aincongruencia na información pública de dúas administracións públicas toda vez que “mentres no Concello o alcalde é concelleiro non adscrito -despois de causar baixa no Grupo Socialista- e o resto de concelleiros do goberno continúan a figurar nas actas e na web como concelleiros do PSOE, na web do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática figuran todos os concelleiros do goberno como non adscritos”.

A portavoz, Katy Varela, tamén apunta que “é curioso que o fillo do alcalde tomara posesión fai pouco como concelleiro socialista en Monforte, pero en Madrid figura xa como non adscrito”.

Varela condena “a falta de rigor” do alcalde e o equipo de goberno local en relación á afiliación política dos seus membros e pregúntase se é que Ferraz os botou do partido por avergoñarse de que o grupo do PSOE siga apoiando a Tomé, inmerso nun procedemento xudicial, e non o queren recoñecer. Ou se realmente todos abandonaron o Grupo Municipal Socialista de Monforte e están enganando aos cidadáns”.

A popular cre que “o Partido Socialista debería dar explicacións claras dunha vez con respecto a este tema. Pero, ata agora, permaneceu agochado detrás de José Tomé que, a pesar de ser apartado do partido, continúa como alcalde co apoio dos concelleiros socialistas en Monforte de Lemos”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios