Un Celta descoñecido no primeiro tempo, ao que Grifo e Beste lle encaixaron goles, complicou as posibilidades de clasificación para as semifinais da Liga Europa. Claudio Giráldez non deu coas solucións para mellorar as prestacións dun equipo plano e as substitucións non melloraron a capacidade ofensiva celeste, que aínda recibiría outro gol nun córner mal defendido por Sergio e rematado por Ginter. O próximo xoves, en Balaídos, será a definición dunha eliminatoria que ficou complicada para os galegos.
Unha forte presión inicial e un erro defensivo reducen ao Celta
O Celta, que cambiara o seu debuxo habitual, sofreu moito no comezo do partido, sobre todo polo flanco dereito da defensa.
Desde alí, aos cinco minutos, Suzuki provocou a primeira situación complicada ao baixar un pase na área e poñer un centro cruzado ao que non chegou Matanović.
Cinco minutos máis tarde, Manzambi colleu un rexeitamento defensivo na frontal, correu paralelo á liña soportando a carga do seu marcador e cedeu a Grifo para que superara a Radu cunha rosca.
O partido entrou nunha calma de vinte minutos. Malia estar o dominio repartido, o Celta non era capaz de xogar na parcela local e moito menos xerar ocasións.
O partido púxose máis complicado no minuto 32 por unha indecisión defensiva. Mingueza, como lateral esquerdo, non foi contundente para afastar a pelota cando estaba de cara á súa porta, Marcos Alonso estivo lento, ao contrario que Matanović, que entrou na área e cedeu a Beste para que marcara con facilidade porque Javi Rodríguez, por atrás do goleador, completaba unha mala ocupación da liña de zagueiros visitantes..
Dous minutos despois, Manzambi, sempre determinante nesa fase do partido, culminou unha combinación do Freiburg na área mandando a pelota ao pau.
O mellor ataque celeste produciuse no último minuto do primeiro tempo, cun cambio de orientación á contra que non controlou ben Borja Iglesias. O compostelán marchou só á área, cada vez con menos ángulo, e o seu xute foi rexeitado por Atubolu.
Outra vez problemas para defender corners
Giráldez tiña que facer algo para mellorar polo que incorporou ao xogo a El-Abdellaoui e a Fer López. Schuster, pola súa banda, mantivo o once inicial para comezar a segunda metade.
O Celta estaba máis cómodo porque o Freiburg regulaba o esforzo e nen tanto por ter a pelota. Giráldez deulle outra volta, con media hora por diante, ao ver a carencia de creatividade, Entrou Vecino por Hugo Sotelo e o equipo matizou mellor o 1x3x4x3.
No minuto 69, logo dun box-to-box de Fer López aproveitando a mala colocación do Freiburg, o balón chegou a Borja Iglesias, pero o capitán celeste xutou por riba da trabe.
O tempo comezaba a xogar contra o Celta e entraron Iago Aspas e Pablo Durán. Unha mala cesión do de Moaña provocou un córner. O Freiburg case non chegara no segundo tempo, pero tampouco desaproveitou a ocasión para achegarse máis ás semifinais. Ginter, no corazón da área, colocou unha cabezada por riba dun inoperante Sergio e Radu, baixo a trabe, non puido impedir o 3-0.
Pouco despois, Fer López errou a mellor ocasión dos galegos ao entrar perpendicular ao segundo pau para conectar co pé un centro desde a esquerda. Non foi preciso no golpeo e a pelota pasou á dereita da meta de Atubolu.
O Freiburg respondeu con outra ocasión un minuto máis tarde, no 88. Höler correu máis que Marcos Alonso para coller un pase profundo, pero aínda que salvou a saída desesperada de Radu, o corpo do meta tocou o suficiente a pelota para desviala a centímetros do poste. Foi a derradeira ocasión do encontro.
O Celta deberá mudar moito no partido de volta diante dun Freiburg, que foi moi superior na primeira metade da eliminatoria.
Ficha
XOVES 09/04/2026 (21,00) Campo: WOLFSWINKEL (Friburgo-Alemaña) (32.600)
SC. FREIBURG : 3 – R.C. CELTA : 0 (2‑0)
FRE : Atubolu; Treu, Ginter, Lienhart, Mokengo; Beste (Kübler 89’), Eggetein, Suzuki (Höler 74’), Manzambi, Grifo (Scherhant 74’); Matanović. Tre. Julian Schuster. (Banco: Müller (g); Huth (g); Jung; Kübler; Irié; Philipp; Höfler; Günter; Ogbus; Tarnutzer).
CTA : Radu; Javi Rodríguez (Fer López D), Aidoo, Marcos Alonso, Mingueza; Sergio, Hugo Sotelo (Vecino 61’), Moriba; Jutglà (Pablo Durán 73’), Borja Iglesias (Iago Aspas 73’), Swedberg (El-Abdellaoui D). Tre. Claudio Giráldez. (Banco: Villar (g); Carlos Domínguez; Manu; Núñez; Yoel; Cervi; Antañón).
Goles: 1-0 Grifo 10’; 2-0 Beste 32’; 3-0 Ginter 78’.
Árbitro: Nyberg (Suecia). Auxiliares: Beigi e Söderkvist. 4º árb.: Ladebäck.
VAR: Bebek. AVAR: Kwiatkowski.
Disciplina: CA: Eggestein 90’.