O Ineltrón Santo Domingo Betanzos recibe a Caja Rural Reino de León

O último partido en casa dos betanceiros pode certificar a permanencia.

Non vai ser un rival doado (os leoneses, cuartos na táboa, gañaron na ida por 85-70) pero o partido do Ineltrón Santo Domingo Betanzos contra Caja Rural Reino de León pode supoñer a permanencia matemática dos locais en Terceira FEB. Nun escenario en que os arrastres dende Segunda FEB e U-22 (sempre que descenda dende ACB o equipo ao que se estea vinculado) poden supor ata seis descensos no Grupo AB da Conferencia (a día de hoxe hai xa cinco garantidos), todo o que sexa deixar o máis lonxe posible a novena praza é unha garantía de poder pasar os vindeiros meses coa tranquilidade de non ter que agardar por vacantes por ascensos ou renuncias e saber que se vai desfrutar un ano máis en Terceira FEB. Aínda que tamén poden favorecelo outros resultados (o Sigaltec de Vilagarcía debe gañar os dous últimos partidos para ter opcións de salvar praza) o Santo Domingo Betanzos depende de si mesmo: con vencer nun dos dous partidos que restan, xa non ten que mirar o que fagan os demais (incluído Chantada, co que se está empatado a puntos e co average favorable). Así valora o partido José Amando Pena Soviético, o adestrador local: “O equipo afronta este último partido na casa con moitas ganas. Temos que ser moi intensos en defensa con especial atención ao xogador Miguel Domínguez Iturza, que anota con moita facilidade e a Álvaro González, que domina moi ben o rebote ofensivo e defensivo”. O encontro, que suporá un enfrontamento máis contra o xa mencionado tirador Domínguez Iturza, un dos clásicos da categoría que suma 19.4 pp esta temporada, terá lugar no pavillón José María Valeiro Iglesias “Tocayo” o domingo ás 17h e poderá seguirse en directo por tii.vii.

Regreso das competicións tras a Semana Santa

Fóra de La Goleta, que adiantou o seu partido de ida de cuartos de final do seu grupo en Terceira Autonómica ao domingo 5, o resto de conxuntos do club volve ás pistas tras a parada da Semana Santa. Así, e fóra dos habituais desprazamentos dos equipos de canastra pequena ao Agra (agás o Piccola Alameda e o equipo 2015, que xogan en Sada), os infantís de Cyrdega visitan a pista de Santa María do Mar, as infantís de Warnier reciben a Cambre (mesmo rival dos cadetes de Grelo e do equipo de Terceira Autonómica) e as sénior de Neón Tasca visitan Castro de Lea o domingo. Os júnior de Texas Controls xogan fóra contra o Liceo, o júnior feminino de Infor-B contra Arteixo e o J. Caamaño Arquitecto, o cadete de liga galega, xoga o domingo á mañá en Lugo contra Ensino.

Comparte éste artículo
No hay comentarios