Empresarias Galicia celebrará o vindeiro 14 de abril unha nova edición de Soltando Amarras, unha xornada de networking e liderado concibida para acompañar o desenvolvemento profesional das mulleres, ampliar as súas redes de contacto e reforzar a súa visibilidade no ámbito empresarial. Esta cita dá resposta a unha necesidade que continúa plenamente vixente: crear espazos onde compartir experiencias e favorecer o crecemento profesional feminino desde a colaboración.
O encontro chega nun contexto de avances, pero tamén de desigualdades persistentes. Galicia sitúase por riba da media europea en presenza de mulleres en postos de alta dirección, cun 36,8 % de representación feminina nestes cargos. Porén, cando se observa a cúspide do poder empresarial, a fenda segue a ser clara: só o 18,5 % dos postos de CEO en España están ocupados por mulleres. Ademais, as mulleres representan arredor do 35 % das persoas traballadoras autónomas en Galicia, e o emprendemento feminino acadou na comunidade o 42,1 % do total entre 2015 e 2022.
Para Empresarias Galicia, estes datos confirman que o problema non está na falta de talento, preparación ou iniciativa, senón na dificultade para converter ese potencial en liderado visible, consolidado e sostido no tempo. Neste escenario, Soltando Amarras preséntase como unha experiencia orientada a reforzar habilidades de liderado, xestión de equipos, confianza, autoestima, autocoñecemento, motivación e creación de redes profesionais de calidade.
A edición deste ano reunirá un grupo de mulleres con traxectorias destacadas nos ámbitos empresarial, industrial, social e institucional. Entre as relatoras figuran Raquel Touriño, directora de proxectos de Egalitaria e presidenta de Femupo; Mónica Abalde, propietaria de Cemegal; Lucía Lamas, xerente e socia fundadora de Metalmiño; Gabriela Martialay, CEO de DGO Entrenamiento Personal y Nutrición; Esperanza Fernández Lamas, vicepresidenta provincial da AECC Asociación Española Contra el Cáncer; Carlota Torres, Project Manager en
Astilleros Armón Vigo; Rosanna López Salgueiro, directora xerente de Fungatra e tenente de navío reservista voluntaria; e Lola Olvera Esteban, inspectora xefa da brigada local de información da comisaría da Policía Nacional de Vigo-Redondela.
A diversidade de perfís participantes reforza precisamente unha das mensaxes centrais da xornada, que o liderado feminino non responde a un único modelo e que segue a ser necesario visibilizar referentes en sectores moi distintos, incluídos aqueles tradicionalmente masculinizados ou menos asociados á presenza de mulleres en postos de responsabilidade. Desde Empresarias Galicia sublíñase, neste sentido, a importancia de ampliar o marco do posible para outras profesionais a través de exemplos reais, próximos e inspiradores.
Soltando Amarras consolidouse, ademais, como unha cita con identidade propia dentro da programación da asociación. Non se trata só dunha xornada puntual, senón dun espazo recoñecible de encontro e xeración de oportunidades para mulleres profesionais e empresarias, aliñado coa misión de Empresarias Galicia de visibilizar os logros, as inquietudes e as dificultades das mulleres no ámbito profesional e social. A asociación reúne actualmente arredor de 300 socias en Galicia e desenvolve ao longo de todo o ano actividades vinculadas á formación, á colaboración e ao asociacionismo.
Con esta nova edición, Empresarias Galicia busca seguir impulsando unha forma de crecemento profesional baseada na rede, na inspiración compartida e no apoio mutuo. A entidade anima a empresarias, profesionais e mulleres interesadas en fortalecer o seu liderado e ampliar a súa rede de contactos a sumarse a unha xornada pensada para inspirar, conectar e avanzar. As inscricións están abertas no sitio web empresariasgalicia.com.