Un “manotazo” histórico do Real Madrid Castilla na Malata pon ao Racing en caída libre

O Racing fixo historia da mala nun partido que podía servir para mudar o rumbo e manter o obxectivo de xogar a fase de ascenso. A derrota por 0-5 é a primeira sufrida polos racinguistas con estes números na súa historia ligueira. O partido ficou definido na primeira metade, na que os madridistas marcaron diferenzas cun 0-4. Ao final, o incomodo dos seareiros trasladouse á porta 12 onde media centea deles esperou a saída dos xogadores para recriminarlles a mala imaxe desta temporada.

Un absoluto despropósito

Sen tensión, como se as posibilidades para meterse na fase de ascenso non foran con eles, os xogadores do Racing entraron á cita da Malata contra o R. Madrid Castilla cedendo todo ao seu rival. Antes do descanso, a masa social xa cualificaba aos seus xogadores de mercenarios e, desde as catro bancadas, comezaron a cantarlles o “que se vayan”.
Todo comezou fácil para o R. Madrid Castilla, que puido anotar aos cinco minutos nunha contra de Jacobo. Dez metros sobre a distancia ante Zalaya abondáronlle para reducilo cunha finta e ficar diante de Parera para disparar só. O balear desviou a córner.
Non tardaría o Racing en sufrir o primeiro lategazo dos rapaces da casa merengue.. Superado o cuarto de hora. Os visitantes recuperaron na parcela racinguista. Jacobo impediu que a tardía chegada de Dacosta rabuñara o balón, correu pola autopista ancha que lle ofreceron os centrais e cedeu a Ciria, que o dobraba pola esquerda, para que superara a Parera cun xute cruzado a ras de herba..
Logo, nunha secuencia de dez minutos, foi programándose unha desgraza, que máis que iso foi un proceso de ridiculización paulatino do cadro ferrolán, O segundo gol merengue chegaría sen que pasaran moitas máis cousas. Naceu dun novo corte na parcela local por un mal saque de Parera. O coiro foi para Palacios, que cedeu co calcañar a Jacobo e o atacante, tras fintar de lonxe a un Zalaya que se limitou a miralo, xutou para colocar a pelota dentro da portería.
Zalaya, que reaparecía despois da mordida ao fortunista Marín, foi substituído por Chema a continuación. O central parece que acusou molestias musculares e, como o problema pode agrandarse máis dunha semana, acabaría forzando o seu quinto cartón amarelo no torneo co encontro rematado.
Aínda faltaban cousas por contar na área local como o 0-3 que anotou Palacios. Recibiu de Aguado para achegarse até a liña de fondo e seguiu avanzando en paralelo, a un metro dela, como se fora un amplo corredor ao tempo que era observado pola cómoda mirada de Chema. Antes de perder o ángulo, agradecendo a permisividade do central, o madridista mandou a pelota arriba enganando a Parera, que esperaba un centro ou un xute por abaixo.
O Racing era un desastre e o colmo púxoo Escobar, igual de desacertado que toda a temporada, ao ser incapaz de aproveitar un agasallo de Pascu. Con toda a portería para el, rebentou o balón cun disparo polo centro, xusto onde estaba Sergio Mestre. O cerbero rexeitou e o de Nigrán culminou o despropósito lanzando o rebote á bancada cando estaba a uns metros do pau esquerdo da portería ..
Aos dous minutos do prolongamento chegou o 0-4. Ciria entrou na área, non conseguiu superar a Parera cun xute cruzado e cando parecía que o fácil para Saúl era mandar a pelota en horizontal para botala pola banda, saíulle o lado infantil cun despexe contra o corpo de Pol Fortuny. A pelota foi directamente ao interior do portal. Absolutamente esperpéntico.

Sen capacidade para mudar a imaxe

O Racing tivo a primeira ocasión da segunda metade nun disparo desde a frontal que Jairo mandou perto da escuadra. Tamén foi verde a segunda, tras un balón que Mardones puxo na área. Álvaro, un dos novos tras o descanso, baixou a pelota co peito, xutou abaixo e Sergio Mestre rexeitou.
Cinco minutos foron outro acto de trilerismo deportivo dos locais, O equipo naceu plano e acabou fundido. Carente de ideas, carente de velocidade, carente de tensión que parecían ser a versión en campo dunha directiva sen directrices, que se cargaron hai tempo a mínima estrutura deportiva que tiña o club, substituíndoa por unha dirección deportiva de brincadeira. O equipo foi á deriva, sen unha voz que fixera espertar ao grupo, sen un capitán.
O Racing manexou o balón coma unha alma sen pena. O rival podía trituralo, pero baixou o ritmo. O Racing parecía un cadro de Terceira, sen xerarquía para estar nin no terceiro chanzo do fútbol español. O público empezou a marchar da Malata.
Logo, chegou o quinto aproveitando que a defensa verde seguía desnortada. Pol Fortuny recibiu como nunha sesión preparatoria, volveu aproveitar que Chema estaba por non desgastarse reducíndolle espazo e optou por unha sinxela finta en condución para enganar co disparo e Parera e poñer o manotazo histórico a un grupo de xogadores que xa forman parte doutro pesadelo para a parroquia ferrolá.
Ao final, bronca total dos que se atreveron a aguantar até o final a uns xogadores que ficaron mirando para a bancada dos máis ruidosos, como se os das outras non tiveran consideración para eles. A sensación, desde o outro lado, era o da vulgarización do perdón usando unha performance que se volveu común cando estes casos, e que na Malata, realizada por estes deportistas, resultou pouco crible como se demostrou no post-partido..

Enfado na Porta 12

Ao final do partido, entre 50 e 100 seareiros racinguistas foron esperar a saída dos xogadores do seu equipo para recriminarlles o papel que están desenvolvendo nesta temporada cos berros típicos nestes casos. Varios membros do grupo de seguridade fixeron unha pequena barreira frontal para que a cousa non fora a máis, tentando calmar aos máis enfadados e chegaron a establecerse pequenas disputas verbais coas familiares dos deportistas que saían na súa defensa.

Ficha

SÁBADO 11/04/2026 (21,00) Campo: A MALATA (4.617)
RACING C. FERROL : 0 – R. MADRID CASTILLA : 5 (0‑4)

RAC : Parera; Mardones, Artetxe, Zalaya (Chema 28’), Saúl; Álvaro Juan (Jairo D), Fabio, Pascu (Azkune 79’), Gorostidi, Dacosta (Concha 68’); Escobar (Álvaro D). Tre. Guillermo Fernández. ((Banco: César g); Lucas (g); Leal; Álvaro Ramón; Tejera; Azael; Tavares).
MAD : Sergio Mestre; Fortea, Joan Martínez, Valdepeñas, Aguado; Manuel Ángel (David Jiménez 79’), Palacios (Manu Serrano 79’), Cestero (Cristian Perea 62’); Pol Fortuny, Jacobo (Bruno 62’), Ciria (Rachad 70’). Tre. Julián López. (Banco: Súnico (g); Mario Rivas; Loren; Lamini; Mesonero).
Goles:
0-1 Ciria 17’; 0-2 Jacobo 27’; 0-3 Palacios 37’; 0-4 Pol Fortuny 45’; 0-5 Pol Fortuny 69’.
Árbitro: Cambronero González (Castela-A Mancha). Auxiliares: López Pascual e Doval Gil. 4º árb.: Pacheco Cotero.
Disciplina: CA: Gorostidi 34’; Joan Martínez 42’; Valdepeñas 44’; Artetxe 48’; Cestero 50’; Rachad 71’ / Zalaya (sus. RAC) F.

Foto: O habitualmente desafortunado Escobar procurando un balón na frontal da área. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios