O Ineltrón Santo Domingo Betanzos asegura a permanencia en 3a FEB

O último cuarto dos betanceiros dálle a vitoria fronte a Reino de León : 97-91.

O 39-52 do descanso non auguraba un bo fin de festa, mais o equipo de José Amando Pena “Soviético”, sabedor da transcendencia do partido deste domingo, conseguiu darlle a volta ao encontro, e tras un 3Q no que se advertiu unha miraxe de remontada, neutralizada grazas ao tiro exterior do Reino de León, o último lance deixou un 32-19 que logrou deixar a vitoria do lado local. Chegaban a Betanzos os de León coa baixa de Domínguez Iturza, o máximo anotador do equipo, máis o acerto no tiro exterior nos primeiros minutos conseguiu darlles unha vantaxe, próxima aos 10 puntos, que os locais só conseguiron neutralizar nos últimos lances do partido. Un 15-0 nos primeiros minutos do último cuarto acabaron por enfiar unha vitoria, cimentada nos tiros libres finais, que vale o seu peso en ouro. Grazas aos resultados da xornada, pese á vitoria de Sigaltec fronte a Bosco, os de Betanzos conseguen atar, cando menos, a oitava praza do grupo (hoxe son sétimos) o que garante, independentemente dos arrastres dende Segunda FEB, un ano máis na categoría. Así valoraba o partido o adestrador betanceiro: “Enorme o esforzo de todo o equipo a pesar de que nos dos dous primeiros cuartos nos dominaron pola nosa pouca intensidade defensiva e o gran acerto dos leoneses en ataque, sobre todo nos tiros de tres puntos. Nos dous últimos cuartos os axustes defensivos permitíronnos ir recuperando a desvantaxe. Nos últimos minutos a superioridade física e o control do ritmo do partido permitiunos conseguir unha valiosísima e meritoria vitoria”.

Enorme partido de Randolph Acevedo (25 puntos, 12 rebotes 1 tapón e 33 de valoración), ben escoltado por un fiable Abelleira (27 puntos e 28 de valoración), Luis Portilla (12 puntos) e Dani Martín (11), con tres importante triplas do cadete Arón Espiñeira (9).

Obxectivo cumprido a falta da última xornada, nunha liga que pode superar a marca de descensos cara a Primeira Nacional.

Última parada, sábado que vén contra Obradoiro, xa descendido, nun partido en que ambos os dous equipos -afortunadamente para os betanceiros- xa non xogan nada.

Comparte éste artículo
No hay comentarios