As 13 raíñas do transformismo coruñés que encherán de orgullo o Atlantic Drag! na Praza de Pontevedra son: Agata Terrier, Ball Monte, Cloe Savage, Escarlatina Pier, Kara, Kelly Amethyst, Kit, Meri Krishna, Muna Duval, Nomi Bull, Rrrita, Xen e Yvhanne Klown
O festival Atlantic Pride da Coruña está de noraboa co nacemento, no marco da súa sétima edición, dunha nova proposta artística: O Atlantic Drag! Con ela, o ‘Orgullo do Norte’ coruñés propón, o tarde-noite do luns 6 de xullo, unha divertida homenaxe ao talento drag local, á súa forza escénica e a toda a creatividade, a liberdade e a reivindicación humorística e festiva que a arte drag supón para a cidade.As 13 raíñas do transformismo que encherán de orgullo o Atlantic Drag na Praza de Pontevedra serán: Agata Terrier, Ball Monte, Cloe Savage, Escarlatina Pier, Kara, Kelly Amethyst, Kit, Meri Krishna, Muna Duval, Nomi Bull, Rrrita, Xen e Yvhanne Klown, todas elas, recoñecidas caras de espazos de referencia da escena drag galega, como o Claro Boba! ou It’s Time for Drag.Segundo apunta a organización do festival: “O Atlantic Drag! nace como a gran celebración do drag coruñés dentro de Atlantic Pride, unha proposta creada para recoñecer, visibilizar e poñer en valor o talento local que, desde hai anos, forma parte esencial da vida cultural, artística e nocturna da cidade. Máis ca un espectáculo, Atlantic Drag é unha homenaxe ás artistas que, a través da escena, da estética, da palabra, do humor, da música e da performance, converten o drag nunha poderosa expresión de liberdade, identidade e creatividade”. E continúa: “A Coruña conta cunha escena drag viva, diversa e con personalidade propia, que contribúe de maneira decisiva a facer da cidade un espazo máis libre, máis plural e máis orgulloso. Atlantic Drag! quere celebrar precisamente iso: a forza dun talento que entretén, emociona, transforma e reivindica; unha forma de arte que non só enche os escenarios, senón que tamén constrúe comunidade, xera referentes e amplía os límites da expresión cultural”.Dentro de Atlantic Pride, Atlantic Drag! será un espazo de encontro, celebración e recoñecemento, pensado para aplaudir ás artistas da cidade e para compartir co público toda a potencia escénica, humana e simbólica do drag coruñés. Unha festa do talento local e da diversidade en estado puro, que reivindica o escenario como lugar de visibilidade, liberdade e orgullo.
UN REPASO AO CARTEL XA ANUNCIADO PARA ‘ORGULLO DO NORTE’ 2026
O Atlantic Pride encherá de enerxía electrizante os seus escenarios para festexar a súa sétima edición do 5 ao 12 de xullo de 2026. Cunha divertida combinación de talento, identidade e enerxía, o ‘Orgullo do Norte’ coruñés busca consolidarse, un ano máis, como un evento imprescindible para celebrar a diversidade a través da música.Co seu cartel, o público poderá gozar de propostas musicais que van desde a sensibilidade íntima e innovadora de Alba Reche, que combina honestidade e evolución sonora, ata a enerxía potente e visceral de Julieta, unha das voces máis influentes do novo pop catalán, pasando pola forza en directo de Ricky Merino e o estilo provocador e festivo de Kika Lorace, que transforma cada actuación nunha festa de humor e diversidade. O festival presentará, tamén, «ZAHARAVE», o espectáculo electrónico de Zahara, que conxuga o poder do techno cunha escenografía impactante, creando unha experiencia única e reivindicativa.Ademais, o talento galego emerxente estará tamén presente nos escenarios do Atlantic Pride este verán, grazas á ‘boa vibra’ de bandas e artistas galegas como arde, Jonydasvie, Montedapena, raze e Terrae Dj’s. Power pop, pop-punk, pop urbano, World Music, electrónica, músicas de baile e sons de raíz encherán o escenario da súa man. Non faltarán á cita formatos híbridos, performance, danza e impactantes proxeccións audiovisuais.Xunto a elas, o ‘Orgullo do Norte’ contará con nomes de pegada nacional e internacional como Miriam Rodríguez e Whigfield , que non defraudará co seu himno Saturday Night. A fantasía e o humor chegará da man das raíñas do performismo Choriza May, Pitita, Chloe Vittu, la Niña Delantro, Electra, Kim Miller, Saia Santa e Sasha Moon. Moi pronto, o festival anunciará as derradeiras figuras que pecharán o seu cartel neste 2026, no que destaca, tamén, o novo Atlantic Drag!