Néstor Rego Candamil reclama actuacións urxentes ante a folga indefinida e denuncia que a precarización pon en risco a seguranza operacional nos aeroportos galegos.
O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar ao Goberno do Estado atender de maneira inmediata as demandas do persoal controlador aéreo das torres de control privatizadas, en folga indefinida desde o pasado 17 de abril, e adoptar medidas para mellorar as súas condicións laborais e reverter a privatización.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego Candamil, rexistra iniciativas ondedenuncia a “grave precarización” que sofre o persoal nas torres xestionadas pola empresa concesionaria Saerco, entre elas as da Coruña e Vigo.
“O Goberno debe actuar con urxencia para garantir condicións laborais dignas e dar resposta ás reivindicacións dun colectivo que leva anos soportando unha situación insostíbel” subliña Rego Candamil.
O BNG leva tempo advertindo do progresivo deterioro das condicións laborais nas torres privatizadas, caracterizado pola falta de persoal, a sobrecarga de traballo, a improvisación organizativa e o incumprimento de dereitos básicos como os descansos, a conciliación ou as vacacións. Unha situación que, segundo sinala a organización nacionalista, acabou desembocando na convocatoria dunha folga indefinida.
Neste sentido, Rego denuncia que “a precarización laboral non só afecta á saúde das e dos traballadores, senón que ten consecuencias directas sobre a seguranza operacional, ao obrigar a desenvolver un traballo de máxima responsabilidade baixo condicións de estrés, cansazo e falta de planificación”.
O deputado nacionalista fai especial fincapé na situación das torres de control de Vigo e da Coruña, onde, no caso vigués, se suma ademais á carga de traballo derivada da torre de control en remoto, “un sistema que xa foi cuestionado polos seus problemas e que incrementa a presión sobre o persoal”.
Así mesmo, Néstor critica a falta de actuación tanto da empresa concesionaria como das administracións públicas implicadas. “AENA, como xestor dos aeroportos, e o propio Goberno teñen a responsabilidade de supervisar o servizo e garantir que se cumpre o prego de condicións, algo que claramente non está a acontecer” denuncia Rego Candamil.
O deputado nacionalista advirte da preocupación existente entre o persoal ante o incremento de tráfico previsto polo fechamento temporal do aeroporto de Santiago de Compostela-Rosalía de Castro para a renovación da pista.
Por todo iso, o BNG demanda ao Goberno obrigar a empresa concesionaria a dotar de persoal suficiente todas as torres de control, respectar os descansos e vacacións, garantir unha planificación adecuada das quendas e asegurar condicións laborais dignas.
Finalmente, Néstor Rego insiste en que “o modelo de privatización demostrou ser un fracaso” e defende a necesidade de reverter a xestión privada das torres de control. “É imprescindíbel recuperar a xestión pública dun servizo estratéxico para garantir tanto os dereitos das persoas traballadoras como a seguranza aeronáutica” conclúe.