A Xunta colabora coa Asociación de Veciños San Felipe de Balgos, no concello de Cervantes, na organización da VIII Cata de Viño da Casa e Memorial Dositeo Fernández García ‘Teín’, que se celebrará este sábado, 25 de abril.
O delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, Javier Arias, e representantes do colectivo organizador, entre eles o seu presidente, Manuel Trabado, presentaron hoxe o evento na sede da Xunta na cidade.
A programación dará comezo ás 13,00 horas co pregón de Román Sánchez Besteiro, xerente da cooperativa A Carqueixa e, a continuación, iniciarase a cata para degustar o viño do ano, elaborado na casa por unha ducia de ‘colleiteiros’ da zona dos Ancares.
Ás 15,00 horas celebrarase un xantar popular e, xa pola tarde, terá lugar a entrega de premios aos mellores viños da xornada; haberá xogos inchables para os máis pequenos e un campionato de lanzamento de boina, a partir das 17,00 horas, aberto á participación de persoas de todas as idades. O evento contará tamén con animación musical a cargo do dúo Son de Festa.
O encontro servirá, un ano máis, para lembrar a figura de Dositeo Fernández García, máis coñecido como ‘Teín’, quen fora secretario da asociación veciñal organizadora e un dos grandes impulsores desta cata e da promoción do viño que se fai en Cervantes.
Javier Arias destacou o valor desta cita “como exemplo do dinamismo do rural lucense e do compromiso da veciñanza por manter vivas as súas tradicións” e puxo en valor o seu papel “para promocionar a produción local e xerar actividade social e económica no territorio”.