Un 23 de abril que se achega e enche de actos moitas localidades, que redescubre bibliotecas e ofrece a oportunidade de ver de preto aos nosos escritores ou escritoras de cabeceira asinando as súas obras en diferentes feiras ou librarías. Unha exaltación literaria que, por unhas horas, lembra a magnitude da leitura, dese pracer inmenso que supón mergullarse nas páxinas onde vivir outras vidas é tan tentador como excitante. A través delas, viaxar sen fronteiras vestidos noutras peles, pero co mesmo corazón latexante que agarda a inminencia do vindeiro capítulo.
Nun tempo no que ler está ao alcance de calquera, queda aínda moita xente sen descubrir esa cálida emoción que desprenden os libros que desfrutamos. A impaciencia e a expectación por saber que nos agarda tras cada folla, quizais percorrendo Brooklyn da man de Paul Auster ou mesmo os páramos de Haworth coas desdichadas irmáns Brönte, na procura do xeo con Aureliano Buendía e quen sabe, pode que creando un monstro que non o era tanto como a maioría dos que o rodeaban con Mary Shelley. O hedonismo asequible, un deses luxos que o parecen menos porque non custan nada, pero que en realidade posúen a chave de todo canto queiramos soñar. Ler fainos mellores e máis ricos, porque cando lemos non só aprendemos algo, senón que nos convertemos en alguén. Palabra de Goethe, que sabía do asunto.