A Deputación da Coruña leva a Reading (Inglaterra) o evento “Walk the Spanish Way” para promocionar o Camiño Inglés e Fisterra-Muxía

A música e os sabores de Galicia forman parte da experiencia, que se celebra na cidade británica este sábado.

A Deputación da Coruña impulsa esta fin de semananovas accións de promoción internacional do Camiño Inglés no Reino Unido, entre as que destacan a celebración do evento “Walk the Spanish Way – Primavera no Camiño”, na cidade de Reading, e a inauguración dunha nova mouteira na cidade de Southampton.

Estas iniciativas desenvólvense en colaboración coa Xunta de Galicia, enmarcándoa na estratexia promocional do Xacobeo 27, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés, a Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, a Confraternity of Saint James, Turespaña e entidades locais británicas, co obxectivo de reforzar a presenza internacional destas rutas xacobeas e estreitar os vínculos históricos entre Galicia e o Reino Unido.


O evento “Walk the Spanish Way – Primavera no Camiño” terá lugar este sábado 25 de abril en Broad Street (Reading), cunha programación aberta ao público que combinará música tradicional galega, unha ampla área de exposición e promoción turística e a celebración dun showcooking da man do cociñeiro galego André Arzúa. Ao longo da xornada, entidades galegas e británicas ofrecerán información sobre o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía, así como contidos audiovisuais e materiais promocionais dirixidos tanto a profesionais do sector como ao público xeral.


“Walk the Spanish Way” súmase ás accións promoviadas pola Deputación para consolidar o posicionamento internacional do Camiño Inglés no mercado británico, un dos seus principais emisores históricos de peregrinos, e enmárcase na estratexia de promoción vinculada ao Xacobeo 2027. Así mesmo, dá continuidade ao traballo desenvolvido previamente pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia nesta cidade, onde se instalou unha mouteira nun punto estratéxico como inicio simbólico do Camiño Inglés no sur de Inglaterra. Este fito evoca os viaxes históricos dos peregrinos que partían desde territorio británico cara a Galicia e sitúa Reading a 690 millas de Santiago, reforzando o seu papel como enclave de referencia na conexión histórica entre ambos territorios.

Nova mouteira en Southampton


Ademais, o luns 27 de abril a Deputación participará na inauguración dunha nova mouteira do Camiño Inglés na cidade de Southampton, reforzando así a presenza física e simbólica desta ruta xacobea no Reino Unido.


A mouteira, situada no entorno da igrexa de Holyrood, sinala o final do trazado inglés do St James’ Way e a súa conexión directa con Galicia, consolidando esta cidade como un dos principais portos históricos de saída de peregrinos ingleses e como unha das grandes portas de entrada internacionais ao Camiño de Santiago.


O deputado provincial Antonio Leira destacou o traballo desenvolvido pola Deputación da Coruña no Reino Unido nos últimos anos, un esforzo que “xa se ve reflectido no incremento do número de peregrinos ingleses no Camiño Inglés”. 

Pola súa banda, Bernardo Fernández Piñeiro, deputado provincial e presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, puxo o acento na importancia da promoción internacional da ruta e no perfil destes peregrinos, caracterizado pola súa alta capacidade de prescrición, o seu interese pola cultura, a historia e a identidade do territorio.

Comparte éste artículo
No hay comentarios