As sesións celebraranse no Pazo de Mariñán (Bergondo) e en Compostela e están dirixidas a persoal técnico, cargos públicos e axentes culturais da provincia.
A Deputación da Coruña organiza un programa de acompañamento formativo e de socialización pública do Manual para políticas culturais locais. 6 fases e 25 accións para fortalecer a cultura. Esta obra, recentemente editada pola institución, concíbese como unha ferramenta práctica impulsada pola Área de Cultura para reforzar o desenvolvemento de políticas culturais transformadoras nos concellos da provincia.
Este programa é un espazo para o encontro, a aprendizaxe colectiva e a transferencia de coñecemento, co obxectivo de facilitar a aplicación práctica dos contidos do manual e avanzar na posta en marcha das accións que recolle a publicación.
A formación estrutúrase en dous obradoiros independentes, dirixidos a persoal técnico, cargos públicos, axentes culturais e comunidades locais da provincia da Coruña, cun máximo de corenta participantes por sesión.
O primeiro deles, baixo o título ‘Unha cultura que coida’, terá lugar o 30 de abril no Pazo de Mariñán (Bergondo), en horario de 11:00 a 13:30 horas. A sesión centrarase na formulación de propostas culturais que incorporen a perspectiva do coidado, a sustentabilidade e o fortalecemento das comunidades. O segundo obradoiro, ‘Diagnose e estratexia cultural’, celebrarase no mes de xuño en Compostela e anunciaranse os detalles proximamente.
Ambas sesións estarán facilitadas por Fran Quiroga e Adela Vázquez, persoas coordinadoras da publicación. As inscricións poderán realizarse a través do formulario que se habilitará na web https://aculturaeundereito.gal/ a partir deste venres, 24 de abril, ás 14:00 horas.