O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou a Avenida dos Deportes onde vén de comezar unha nova intervención de mantemento e mellora dos espazos urbanos na cidade. A Tenencia de Alcaldía está a renovar o asfalto do treito comprendido entre a glorieta da Cheda e o Paseo Palestina.
Rubén Arroxo explicou que a actuación consistirá na renovación «do firme máis desgastado con asfalto en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal para garantir a seguridade viaria». Con esta intervención, a Tenencia de Alcaldía segue a traballar nunhas infraestruturas seguras e adaptadas ás necesidades do tráfico na zona.
A actuación céntrase na mellora unicamente da capa de rodadura, xa que o firme no seu conxunto atópase en bo estado e os defectos detectados non proceden das capas inferiores. O proxecto prevé o fresado superficial de toda a superficie, e a habilitación dunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, coas características técnicas axeitadas, garantindo así a durabilidade dos traballos executados. Ademais, procederase ao repintado da sinalización horizontal afectada pola intervención, incluíndo liñas continuas e discontinuas, pasos de peóns, cebreados, frechas, prazas de estacionamento e zonas de bus, entre outras. Tamén se pintará a sinalización horizontal da avenida dos Deportes ata o acceso ao Estadio Anxo Carro.
Con esta intervención, a Tenencia de Alcaldía reafirma o seu compromiso coa mellora continua dos espazos urbanos da cidade e coa seguridade da veciñanza e dos usuarios das vías públicas. A actuación supón un investimento de 75.347,19€, e un prazo de execución de 90 días, e os traballos foron adxudicados a Cholo, SL.