A Sección Sindical de CCOO no Concello de Lugo anunciou hoxe o inicio de accións xudiciais contra os Orzamentos Municipais de 2026. Tras esgotar todas as vías de diálogo, o sindicato acudirá á xustiza ante un goberno municipal que, segundo denuncian, «confunde a maioría política coa impunidade legal» e despreza sistematicamente os dereitos dos traballadores.
CCOO presentou alegacións detalladas nas que se advertía de que o documento económico foi deseñado sen ningunha negociación previa coa representación sindical. A resposta do executivo local, segundo o sindicato, foi o «absoluto desprezo».
«Non se sentan, non escoitan e non respectan os dereitos fundamentais dos empregados e empregadas públicos que manteñen viva esta cidade», aseguran dende a sección sindical. Para CCOO, a falta de interlocución obriga a buscar o amparo dos tribunais ante o que consideran unha imposición unilateral.
A central sindical denuncia que o goberno municipal aprobou as contas sen convocar a Mesa Xeral de Negociación nin facilitar a documentación obrigatoria. CCOO sospeita que esta falta de transparencia oculta un reparto opaco de partidas no capítulo de persoal.
«Os cartos de todos os lucenses non poden repartirse sen criterios claros nin control; a cidadanía merece saber como e por que se paga cada euro do capítulo de persoal. O Concello non pode funcionar como un cortixo privado onde a transparencia brilla pola súa ausencia», afirman con contundencia dende o sindicato.
CCOO lanza un aviso serio ao Goberno de Lugo: o camiño elixido é o mesmo que levou á anulación de orzamentos noutras cidades galegas, como Ferrol. O sindicato lembra que a negociación colectiva é un dereito fundamental e que omitir este trámite invalida legalmente todo o procedemento orzamentario.
Coa presentación deste recurso, CCOO busca non só defender os dereitos do persoal municipal, senón garantir que a xestión económica do Concello de Lugo se axuste á legalidade vixente e aos principios de transparencia que esixe a cidadanía.