Arroxo anuncia a licitación da pasarela peonil na Ronda da República Arxentina

A Xunta de Goberno Local aproba a construción dunha pasarela peonil cun investimento de máis de 1,1 millóns de euros.

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, informou dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe, entre os que destacan actuacións vinculadas á mellora da mobilidade e ao reforzo de programas educativos municipais.

Na sesión aprobouse a contratación das obras para a construción dunha pasarela peonil sobre a Ronda da República Arxentina, cun investimento de 1.147.136,91 euros. O acordo inclúe tamén a aprobación do proxecto, do prego de cláusulas administrativas e a apertura do procedemento de licitación mediante procedemento aberto simplificado. Arroxo explicou que “este proxecto vén a raíz dun acordo plenario do ano 2018, que eu mesmo defendín, e no que levamos moito tempo traballando”, e destacou que “permitirá recuperar un antigo camiño tradicional que quedou cortado coa construción da Ronda da República Arxentina”.

Arroxo sinalou ademais que “hoxe en día só se pode cruzar esta vía polos extremos, polo que esta actuación vai devolver a continuidade a esa zona da cidade”. Segundo indicou, a nova pasarela facilitará un percorrido peonil continuo desde o centro ata o río, “podendo atravesar Recatelo, baixar cara o Parque Marcos Cela e chegar ao Miño”, algo que cualificou como “moi positivo porque lle dá continuidade á cidade”.

Así mesmo, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á apertura do procedemento de adxudicación dos vieiros escolares, un servizo que fora prorrogado ata o pasado mes de xuño e que agora se licita cun novo prego que incorpora melloras, como a inclusión de gastos de coordinación coas ANPAS, que non estaban contemplados anteriormente.

Durante o presente curso ampliouse o servizo nas Mercedes, que conta xa cunha media de 15 usuarios, e tamén se prevé unha nova ruta no barrio do Paradai, que chegará desde o sur pola avenida da Coruña, complementando a actual que comeza na Piringalla. Na actualidade existen vieiros escolares en distintos puntos da cidade: dous en Albeiros, dous no Paradai, un en Rosalía, un en Casás e un nas Mercedes.

Segundo explicou Arroxo, “os vieiros escolares son unha ferramenta clave para fomentar hábitos saudables e a autonomía da rapazada, ademais de contribuír a reducir o tráfico nas contornas educativas”, e engadiu que “o novo contrato permitirá reforzar o servizo e adaptalo á demanda actual, en colaboración coas familias e a comunidade educativa”.

Preguntas da prensa

Ante preguntas da prensa, o Tenente Alcalde respondeu que existe preocupación polo futuro de varios proxectos municipais ante o cambio de goberno. Arroxo sinalou que algunhas actuacións en marcha, como o Carril das Flores, deben finalizarse, mentres que outras recentemente aprobadas, como a pasarela sobre a Ronda da República Arxentina, “o lóxico sería que continúen”.

Porén, advertiu da incerteza sobre outras iniciativas relevantes que estaban avanzadas, como a adquisición da vivenda en Carril das Flores para resolver un problema urbanístico, a creación de rotondas para substituír semáforos, novos aparcadoiros -entre eles un de 100 prazas xunto aos conservatorios-  ou melloras de seguridade en contornas escolares e infraestruturas como o Leira Parking. “Non sabemos como van quedar estes proxectos e é algo que nos preocupa”, indicou.

Arroxo subliñou que, de non continuar no goberno, o seu grupo seguirá traballando desde a oposición para fiscalizar o cumprimento destes proxectos e garantir que “Lugo siga avanzando e non se paralice”. Ademais, asegurou percibir “unha indignación moi grande e transversal na sociedade lucense” pola situación política actual. Segundo afirmou, a cidadanía “quere defender a democracia máis alá de quen goberne”, o que, ao seu xuízo, explica a elevada participación nas mobilizacións recentes na cidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios