A Deputación da Coruña participa na inauguración da Feira do Libro de Santiago reivindicando a lectura como “un acto de liberdade”

Valentín González Formoso destacou o papel das librarías e da cultura de proximidade como motores sociais e económicos.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá na inauguración da Feira do Libro de Santiago de Compostela, un dos principais eventos literarios de Galicia, que se celebra na Alameda compostelá e reúne durante varios días a librarías, autores e público arredor do libro e da lectura.

Durante o acto, no que estivo acompañado pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e polo director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, Formoso puxo en valor o significado das feiras do libro como espazos de encontro entre autores e lectores e como ferramentas para achegar a cultura á cidadanía.

No seu discurso, o presidente destacou que “nun tempo no que todo vai rápido, abrir un libro e parar a imaxinar e reflexionar con calma é case un acto de rebeldía”, reivindicando así o valor da lectura nun contexto marcado pola inmediatez e o consumo dixital.

Formoso fixo tamén unha reflexión sobre o papel histórico do libro como motor de transformación social, lembrando que “cando Gutenberg inventou a imprenta, o mundo cambiou para sempre, porque o coñecemento deixou de ser patrimonio duns poucos e comezou a chegar máis lonxe”.

As librarías, esenciais no tecido cultural e no comercio local

O presidente provincial incidiu especialmente na importancia das librarías como parte esencial do tecido cultural e comercial das cidades e vilas, subliñando o valor da recomendación persoal e da experiencia física de descubrir un libro. “En Amazon atopas o libro, pero nas librarías das nosas vilas e barrios, ás de toda a vida, ás veces, o libro atópate a ti”, afirmou, defendendo o papel destes espazos como lugares de encontro e dinamización social.

Neste sentido, destacou que mercar libros nas librarías ou en feiras como a de Santiago supón tamén “apoiar o comercio local, a proximidade e un sector fundamental para o futuro do país”, en referencia á industria cultural.

Formoso inicidiu no apoio da Deputación da Coruña á cultura, á creación e ao sector do libro, sinalando que a institución provincial seguirá impulsando iniciativas que favorezan a lectura e o fortalecemento das librarías e do tecido cultural galego.

A Feira do Libro de Santiago converte durante estes días a Alameda de Compostela nun punto de encontro da cultura, con casetas de librarías, presentacións, sinaturas de autores e autoras e numerosas actividades para todos os públicos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios