A Fundación Alfredo Brañas celebra o seu primeiro Torneo de Debate Académico

Unha ducia de equipos de toda Galicia abordou a cuestión da transmisión de ideas políticas na educación pública.

A Fundación Alfredo Brañas celebra o seu I Torneo de Debate para reivindicar o debate e a reflexión nos tempos que corren. O torneo reuniu 12 equipos de toda Galicia no Gran Hotel Eurostars de Santiago de Compostela e foi inaugurado polo presidente da Fundación e deputado nacional, Juan Bayón, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. 

A Fundación Alfredo Brañas, que leva o nome do escritor e político galego, nace para reivindicar os valores do diálogo e  a reflexión. Nesta liña e baixo o lema “A palabra que transforma”, os equipos reuníronse para abordar a cuestión da transmisión de ideas políticas na educación pública, seguindo o legado de Alfredo Brañas, quen “levantou fascinación na súa época en moitos ámbitos da sociedade galega, sendo escritor, pensador, xurista, político e profesor”. 

Bayón tamén agradeceu a participación de todos os equipos e, parafraseando a Manuel Fraga, lembrou que “as sociedades necesitan profetas e indubidablemente Brañas foi un deles, con visión longa e actitude heroica, entre as incomprensións duns e doutros”.

A través deste torneo, a Fundación continúa o seu labor de recuperar e proxectar a figura de Alfredo Brañas como “referente intelectual do pensamento galego, apostando polo diálogo e a cultura do debate como ferramentas fundamentais para a cidadanía”, remarcou Bayón.

XORNADAS DE FORMACIÓN E DIÁLOGO

Pola súa banda, Paula Prado reivindicou as xornadas de “formación, diálogo, debate e aprendizaxe” en política fronte aos partidos que “optan polo conflito e o ruído”. Aplaudiu o traballo da Fundación por manter viva a figura de Alfredo Brañas e sinalou este tipo de encontros como “fundamentais para traballar por Galicia” e facelo da man da xuventude.

Neste sentido, Prado puxo en valor á mocidade e o seu “compromiso con Galicia, a súa xente e o seu futuro”. “O PPdeG pon a xente moza no centro, porque somos o partido do ‘si’ e o que máis se parece a maioría de galegos e galegas e a súa xuventude”, engadiu ante a forma de facer política do PSOE e BNG: “Eles prefiren promover o odio, radicalizar e levar o ‘non’ e o desgoberno por bandeira”.

A número dous dos populares galegos tamén enxalzou o papel das Novas Xeracións, a organización máis importante de Galicia, composta por “mozos e mozas capaces de gobernar o seu futuro”, sen deixar que ninguén lles diga como teñen que pensar e actuar, “con liberdade e reivindicándoa todos os días”. Prado animou aos participantes a seguir coa mesma forza traballando pola Galicia Calidade, “o futuro e, como fixo Alfredo Brañas, para que a nosa terra e a nosa voz sexa escoitada no resto de España”, fronte a un centralismo que busca diluíla e un independentismo que pretende encerrala.

Comparte éste artículo
No hay comentarios