O PP leva ao Senado unha moción para esixir ao Goberno que deixe de incumprir e autorice xa os eólicos clave para o futuro de Alcoa

Balseiro lembra que “o propio Goberno recoñeceu que deixou caducar -no 2023- os permisos destes proxectos ao emitir fóra de prazo as declaracións ambientais dos parques eólicos, nunha mostra evidente de falta de xestión e de compromiso cunha industria clave para Galicia e para España”.

O senador mariñán, José Manuel Balseiro, presentou á entrada da fábrica de Alcoa unha iniciativa rexistrada no Senado xunto aos compañeiros do PP por Lugo José Manuel Barreiro e Juan Serrano “para esixir ao Goberno de España a autorización inmediata dos parques eólicos vinculados á planta de Alcoa en San Ciprián, fundamentais para garantir o futuro da única fábrica de aluminio primario en activo no país”, ademais dun material estratéxico para a industria, a transición enerxética e a autonomía produtiva.

O senador popular estivo acompañado pola alcaldesa de Cervo, Dolores García, e o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, que coincidiron en esixir ao Goberno de Sánchez “axilidade” e ao PSOE “cumprir as súas promesas”, despois de máis de dous anos cos permisos dos parques eólicos caducados.

Balseiro lembra que “o propio Goberno viuse obrigado a recoñecer que o Ministerio deixou caducar en 2023 os permisos de acceso á rede destes proxectos ao emitir fóra de prazo as declaracións ambientais de 5 parques (Borrasca, Ventisca, Levante, Boura e Monzón), nunha mostra evidente de falta de xestión e de compromiso cunha industria clave para Galicia e España”, incidiu.

O PP cuestiona tamén que, malia que o Ministerio anunciou como unha solución o Real Decreto-lei 8/2023, o Executivo segue anos despois sen resolver a situación, incumprindo ademais o memorando de entendemento asinado no que a Administración estatal se comprometía “a axilizar estas autorizacións”.

Así mesmo, os populares denuncian “as reiteradas promesas incumpridas” e sinalan directamente ao secretario xeral do PSOE en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, quen trasladou ao comité de empresa solucións que nunca chegaron, xerando falsas expectativas entre os traballadores.

“Estamos ante unha cadea de enganos e incumprimentos dos socialistas que pon en risco miles de empregos e o futuro industrial da Mariña lucense. Non é aceptable que o Goberno siga bloqueando solucións mentres a comarca vive na incerteza”, sinala José Manuel Balseiro.

E todo isto nun período “especialmente sensible” xa que o bloqueo persiste logo de rematar o proceso de rearranque das cubas da planta, cando resulta máis  imprescindible garantir o subministro estable, a seguridade xurídica, axilidade administrativa e o cumprimento efectivo dos compromisos adquiridos, así como prezos da enerxía competitivos nun contexto de elevada volatilidade dos mercados”.

Dolores García afea que “aínda teñamos que seguir esperando, dende a promesa de Besteiro no 2023, polas autorizacións para os parques eólicos que permitirían ofrecer un prezo eléctrico competitivo para que a fábrica siga”.

Demetrio Salgueiro considera “incomprensible” e “unha falta de respecto aos cidadáns” que “despois de tanto tempo de promesas” por parte do PSOE -que anunciara nunha reunión co comité de empresa en decembro do 2023 o desbloqueo dos parques eólicos-, “a día de hoxe, sigan bloqueados”.

O rexedor xovense incide en que “dispoñer de enerxía a un prezo competitivo é imprescindible para que Alcoa poida seguir producindo aluminio” porque, “sen un prezo competitivo da enerxía, a fábrica pode pasar problemas”. Polo que urxe que “o Goberno autorice os parques eólicos” especialmente “porque os deixou caducar por irresponsabilidade do seu propio Executivo”.

Salgueiro subliñou que “non é a primeira vez que Besteiro incumpre o que promete aos mariñáns” toda vez que “o fixo coa autorización dos parques eólicos importantes para Alcoa e o fixo tamén coa autovía A-74. Prometeu tamén no 2023, reunido con alcaldes e representantes socialistas, que esta autovía fundamental para a comarca estaría en obras no 2024 e a día de hoxe tamén seguimos sen ningún avance nesta infraestrutura”.

O PP reclama feitos inmediatos e advirte de que “Galicia non pode seguir sendo prexudicada pola inacción dun Goberno -o que preside o socialista Pedro Sánchez- que chegou tarde, actuou mal e segue sen dar respostas”.

MESA DE SEGUIMENTO

A moción inclúe tamén a esixencia de convocar de inmediato a mesa de seguimento do plan de viabilidade, que segue sen reunirse e cuxa convocatoria tamén reclama o Comité de empresa. Para o PP, esta parálise “non responde a cuestións técnicas, senón á evidencia de que o Goberno non ten nada que ofrecer, nin que cumprir respecto dos compromisos adquiridos”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios