O PP de Foz forza a Cajoto a presentar os orzamentos de 2026 para poder aprobar o pago de 466.000 euros en facturas pendentes

Castiñeira deixou claro que o seu grupo “está a favor de que as empresas cobren e cobren canto antes, pero a calquera conta”. Segundo advertiu, aprobar agora esas facturas con cargo ao orzamento prorrogado podería provocar problemas aínda maiores nos próximos meses. “Se se esgotan agora as partidas do prorrogado con facturas do ano pasado, volverá a pasar o mesmo e as empresas que facturen no segundo semestre non terán partida e non van a cobrar”, explicou.

O Partido Popular de Foz, co apoio do BNG, obrigou no último pleno ao alcalde, a retirar o recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 466.000 euros correspondente a facturas do ano pasado que o goberno municipal pretendía imputar ao orzamento prorrogado.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, explicou que o expediente presentado polo executivo local chegou ao pleno “con diferentes reparos de intervención e co informe negativo dos técnicos”, polo que considera que “non é lóxico imputar eses 466.000 euros aos orzamentos prorrogados do ano 2024, porque no ano 2025 o señor Cajoto tampouco trouxo novos orzamentos”.

Castiñeira lembrou ademais que existe un plan económico.financeiro municipal que xa recolle a necesidade de aprobar unhas novas contas para evitar repetir a situación actual. “O propio plan económico-financeiro está dicindo que ten que aprobar os orzamentos do ano 2026 para non reiterar o que pasou no 2025”, sinalou.

Desde o PP defenden que esas facturas deben incorporarse ás partidas correspondentes dentro dun novo orzamento municipal. “O que lle dicimos o Partido Popular e o BNG é que traia os orzamentos e que impute eses 466.000 euros nas diferentes partidas para ter xa unha referencia real do gasto para o ano 2026, como fan todos os concellos”, afirmou o portavoz popular.

O líder popular tamén respondeu ás acusacións do alcalde e rexeitou calquera intento de presión política. “O señor Cajoto, como fixo sempre, intentou chantaxearnos co argumento de que as empresas deben cobrar”, asegurou Castiñeira.

Neste sentido, o portavoz do PP deixou claro que o seu grupo “está a favor de que as empresas cobren e cobren canto antes, pero non a calquera conta”. Segundo advertiu, aprobar agora esas facturas con cargo ao orzamento prorrogado podería provocar problemas aínda maiores nos próximos meses. “Se se esgotan agora as partidas do prorrogado con facturas do ano pasado, volverá a pasar o mesmo e as empresas que facturen no segundo semestre non terán partida e non van a cobrar”, explicou.

Por iso, o Partido Popular considera que a única solución responsable é que o alcalde presente de inmediato os orzamentos municipais do 2026. “Entendemos que esta labor de fiscalización é a que ten que facer un partido na oposición, como está facendo o Partido Popular con criterio e sen ceder ás prexudiciais chantaxes do equipo de goberno”, concluíu Javier Castiñeira.

Comparte éste artículo
No hay comentarios