Este novidoso evento lúdico, deportivo e inclusivo converterá o centro da Laracha nun circuíto de actividade física e diversión o 14 de xuño.
O Concello presentou hoxe a primeira edición da RUN&FUN, unha novidosa proposta deportiva e de lecer que chegará á Laracha o domingo 14 de xuño coa intención de converterse nun dos eventos máis orixinais e participativos do calendario municipal.
O acto contou coa participación do alcalde, José Manuel López Varela, da concelleira de Deportes, Patricia Bello, e de representantes das empresas encargadas da organización e xestión da actividade, Lucía e Jesús Graña por parte de Tempo Training and Social e Álvaro Sánchez por Estalarte Industrias Deportivas.
RUN&FUN nace como unha carreira de obstáculos diferente, cun marcado carácter lúdico, accesible e non competitivo, pensada para que calquera persoa poida participar independentemente da súa idade ou condición física. Tal e como explicou o alcalde, “oprincipal obxectivo da iniciativa será desfrutar da experiencia, compartir momentos e fomentar hábitos saudables a través do movemento, a diversión e o espírito de superación persoal”.
O evento desenvolverase no centro da Laracha e contará cun percorrido urbano cheo de obstáculos, retos e probas de destreza deseñadas para fomentar a participación, a colaboración e o entretemento nun ambiente dinámico e festivo.
A concelleira Patricia Bello destacou que “a proposta está especialmente dirixida a familias, grupos de amizades, mozos e mozas e tamén a persoas que habitualmente non participan en competicións deportivas”. En RUN&FUN non haberá clasificacións nin premios por posición, primando por riba de todo a experiencia compartida e a diversión.
Outro dos aspectos diferenciais da proba será o seu carácter inclusivo e accesible. Os obstáculos estarán pensados para adaptarse a distintos niveis e capacidades, e non será obrigatorio completalos todos, fomentando a axuda entre participantes e o desfrute do percorrido sen presión competitiva.
RUN&FUN contará con saídas por quendas ao longo da mañá do 14 de xuño, con inicio previsto na Praza Les Sables d’Olonne e cun percorrido aproximado de entre 3,5 e 5 quilómetros.
O Concello destaca esta nova iniciativa como unha aposta por ofrecer actividades innovadoras na rúa, dinamizar o centro urbano e promover un modelo de deporte máis participativo, social e aberto á cidadanía.
As inscricións en RUN&FUN xa están abertas a través da páxina webhttps://ccnorte.com/, cun prezo de 12 euros a partir dos 14 anos (tamén para adultos), 8 euros para menores de entre 4 e 13 anos e gratuíta para os menores de 3 anos. Haberá descontos para os alumnos dos centros de ensino da Laracha e tamén para as entidades e clubs deportivos do termo municipal.