O alcalde enumerou os pasos dados polo Concello e explicou as limitadas competencias municipais nun procedemento regulado por normativa estatal.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Educación, Patricia Bello, acompañados polo secretario e a técnica de urbanismo municipais, mantiveron hoxe unha reunión con representantes da comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo (dirección do centro e membros da Anpa) e da veciñanza da zona para informarlles da situación administrativa na que se atopa o proxecto de instalación dunha estación base de telefonía móbil nunha parcela situada xunto ao colexio.
Durante o encontro trasladáronse de maneira detallada todos os pasos dados polo Concello desde a presentación do proxecto no ano 2023, incluíndo os requirimentos realizados á empresa promotora, a paralización das obras decretada no seu momento -actualmente vixente- e as actuacións desenvolvidas desde entón.
Na reunión explicouse, tamén, o actual marco normativo que regula este tipo de infraestruturas, incidindo en que se trata dunha normativa estatal que limita de maneira moi significativa a capacidade de actuación dos concellos. Neste sentido, lembrouse que o proxecto está sometido a un réxime de declaración responsable, polo que non precisa de licenza urbanística municipal e a intervención do Concello queda limitada á comprobación da compatibilidade urbanística dos usos do solo e á existencia das autorizacións sectoriais que resulten preceptivas.
O alcalde informou, ademais, de que o Concello continúa realizando xestións e solicitando asesoramento especializado co obxectivo de contar con todas as garantías posibles no marco do expediente. Neste sentido, xa se solicitaron informes técnicos e xurídicos ao Comité Científico Asesor en Radiofrecuencia y Salud e á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestructuras Digitales do Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital.
O Concello reitera que continuará mantendo informada á comunidade educativa e á veciñanza sobre o contido dos informes solicitados, ao tempo que seguirá traballando dentro das súas competencias nunha cuestión que xera preocupación na cidadanía larachesa.