Lino Costas: “Dende Esquerda Unida non soamente rexeitamos totalmente este tipo de actuacións, se non que consideramos que este tipo de empresas non deberían estar permitidas”.
Se ben a participación do Presidente da Xunta na inauguración da sede dunha casa de apostas “non é algo estraño vindo de alguén do PP – afirma Lino Costas, coordinador nacional de Esquerda Unida -, non deixa de sorprender ata que punto de desvergoña pode chegar no seu papel de rapaz dos recados do capital”.
Nese sentido, Costas remarca o posicionamento de hai unhas semanas do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cando “caracterizaba a todas as traballadoras e traballadores coma sospeitosos de ser uns vagos que finximos baixas” e se erixía coma “policía da patronal” e perseguidor de traballadoras e traballadores; unha postura que vén apuntalarse con esta actuación, “facendo de axente comercial dunha casa de apostas a sabendas do dano que este tipo de empresas causan na poboación e principalmente na mocidade”.
Sobre a participación da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, nese acto, para o coordinador nacional de Esquerda Unida trátase de “máis do mesmo. Xa fai moito tempo que sabemos para quen traballa o PSOE; Tanto eles coma o PP forman parte do entramado do Estado para manter sometida á clase traballadora. E así o demostran continuamente coas súas actuacións por moito que teñan discursos distintos” .
“Dende Esquerda Unida non soamente rexeitamos totalmente este tipo de actuacións, se non que consideramos que este tipo de empresas non deberían estar permitidas – afirma Costas -. Dende Esquerda Unida reiteramos a postura que defendimos dende o inicio da proliferación das casas de apostas: Consideramos necesaria a aplicación de medidas baseadas principalmente cara a protección da mocidade e a prevención da ludopatía, como a restrición de licencias de actividade, a prohibición de que estes espazos estean a certa distancia de centros educativos ou xuvenís, ou o control da publicidade”.
Tanto a Xunta coma o concello da Coruña neste caso, e ao contrario do que están amosando, “deben ter unha posición activa e non colaboradora con este tipo de negocios, introducindo regulacións restritivas con respecto á publicidade deses locais, así como implantando medidas de prevención da ludopatía” apunta Lino Costas. Cabe lembrar que a principios de 2022, o pleno do Concello da Coruña aprobou, co apoio de todos os grupos municipais, incluído o do PP e o do PSdG-PSOE, unha moción para restrinxir a instalación de novas casas de apostas na cidade. Este tipo de mocións foron aprobadas en multitude de concellos galegos, “tratándose de papel mollado a día de hoxe, á vista das actuacións dos representantes públicos” sinala o coordinador. “Está bastante claro que a preocupación do Presidente da Xunta non é o benestar da poboación se non o beneficio das empresas a costa da clase traballadora” conclúe.