A Deputación da Coruña destaca o labor de Cántigas da Terra na conservación da memoria musical da Coruña

A deputada Natividade González visitou a histórica entidade coruñesa, que recibiu este ano 15.000 euros en axudas provinciais para investimentos, programación artística e actividades culturai.

A deputada de Cultura, Natividade González, visitou hoxe a sede da entidade coruñesa Cántigas da Terra, na rúa Ángel Rebollo. Alí mantivo unha reunión coa dirección da agrupación, coñeceu parte do arquivo e asistiu aos ensaios do coro. Durante a visita, puido intercambiar impresións coa directiva sobre «inquietudes comúns a prol do desenvolvemento da cultura do noso país», segundo trasladou a propia asociación.

No encontro, integrantes de Cántigas da Terra amosaron tamén parte do arquivo histórico da agrupación e «algúns dos tesouros que agocha», antes de compartir un tempo coas persoas integrantes do coro durante un dos ensaios da formación.

González destacou a «lonxevidade e boa saúde» dunha entidade con 110 anos de historia e puxo en valor o seu labor de «conservación da memoria musical da cidade». Neste sentido, salientou que o repertorio custodiado no arquivo de Cántigas da Terra é «un dos máis sobranceiros da nosa cultura», ao preservar máis dun século de música popular.

Apoio da Deputación

Cántigas da Terra é unha das máis de cen entidades da provincia que este ano recibiron subvencións ao abeiro dos programas FO213 ou FO214 da Deputación da Coruña.

En concreto, foille concedida unha achega de 4.500 euros ao abeiro do programa FO214, destinado a corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato da provincia da Coruña para a realización de investimentos culturais durante o ano 2026.

Así mesmo, recibiu unha subvención de 10.500 euros a través do programa FO213, destinada a financiar a programación artística da entidade, así como actividades formativas e culturais.

A deputada de Cultura salientou que estas liñas de axuda buscan reforzar o labor que desenvolven as entidades musicais e culturais de base, apoiando tanto a súa actividade diaria como os investimentos necesarios para garantir a súa continuidade e adaptación ás necesidades actuais.

González destacou tamén o papel destas agrupacións como «axentes fundamentais para a dinamización cultural e social dos concellos, ademais de seren espazos de formación e transmisión do patrimonio cultural galego».

A deputada concluíu subliñando a importancia de apoiar proxectos que «contribúan á defensa da diversidade cultural e faciliten o acceso á creación e á cultura en galego».

Comparte éste artículo
No hay comentarios