A Federación de ANPAS de Centros Públicos de Ensino de Lugo (FAPACEL) quere expresar o seu apoio firme e directo á comunidade educativa do CEIP Vista Alegre, que leva varias semanas mobilizándose cada xoves ante unha situación que consideramos de abandono institucional e que xa non admite máis demoras.
O edificio, con máis de 40 anos de antigüidade, presenta deficiencias graves e evidentes: humidades persistentes con posibles problemas estruturais, baños totalmente obsoletos e con avarías constantes, fiestras e persianas deterioradas, carpintería rota, problemas na instalación eléctrica e ausencia de espazos cubertos para o lecer do alumnado.
A esta situación súmase un feito especialmente grave: o centro non é accesible. Non garante o dereito á igualdade de acceso para todo o alumnado, nin en situacións de mobilidade reducida nin temporais, o que supón un incumprimento que non pode ser normalizado.
Desde a FAPACEL sentimos este problema como propio. Non estamos ante cuestións puntuais nin de mantemento menor, senón ante unha situación estrutural que require unha intervención integral e urxente. As actuacións illadas realizadas ata o de agora non resolven o problema e só perpetúan o deterioro. Esta realidade insírese nun contexto no que un gran número de centros educativos están a sufrir problemas similares que tamén requiren atención urxente por parte da administración.
Por iso esiximos:
• Unha avaliación técnica completa e inmediata do edificio.
• Un proxecto de rehabilitación integral do CEIP Vista Alegre.
• A eliminación efectiva de todas as barreiras arquitectónicas.
• A súa inclusión prioritaria nos plans de investimento da administración educativa.
Non falamos de melloras opcionais, senón de dereitos básicos do alumnado a estudar nun centro seguro, digno e accesible.
Desde a FAPACEL imos continuar apoiando as mobilizacións ata que existan compromisos reais, con prazos e investimentos concretos. O CEIP Vista Alegre non pode agardar máis.