O Concello de Lugo celebrou o Día das Letras Galegas cunha ampla programación cultural en distintos espazos da cidade

O Concello de Lugo desenvolveu ao longo desta fin de semana unha programación especial con motivo do Día das Letras Galegas, dedicada este ano á escritora Begoña Caamaño, baixo o lema “A lingua que nos une”.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou esta tarde na lectura pública celebrada no Templete da Praza Maior, un dos actos centrais da programación que mesturou a literatura,  música e e lingua galega.

Durante a súa intervención, a rexedora destacou que “as Letras Galegas son moito máis ca unha homenaxe ao idioma: son unha oportunidade para reforzar o papel do galego como lingua viva, de encontro e de futuro”, subliñando ademais que “desde o Concello de Lugo seguiremos impulsando políticas que coiden, promovan e fagan medrar o galego como parte esencial da nosa identidade”.

O acto presentado pola xornalista de Radio Voz, Raquel González, contou co acompañamento musical do grupo Claustromúsica Lugo, nun acto aberto á cidadanía no que se deron lectura a fragmentos das obras de Begoña Caamaño.

A programación desta fin de semana das Letras Galegas no Concello de Lugo incluíu tamén actividades para público infantil, como o encontro cos Bolechas na contorna da Casa do Concello, así como obradoiros e propostas culturais no Vello Cárcere.As actividades completáronse o sábado cun Festival das Letras Galegas, no que participaron grupos de baile tradicional dos centros escolares Illa Verde, Sagrado Corazón, Rosalía de Castro, Luís Pimentel, ASPNAIS e Quiroga Ballesteros.

Comparte éste artículo
No hay comentarios