A Universidade da Coruña e Sof.ia by Nunsys Group abren convocatoria para impulsar o talento feminino en STEM  

Ademais da UDC, outras 6 universidades públicas sumáronse á iniciativa, que conta cun apoio de TD SYNNEX para ofrecer prazas en ata 17 enxeñarías e graos científico-técnicos.

UDC xunto á compañía tecnolóxica Nunsys Group, referente en innovación e transformación dixital, presentaron a convocatoria das Bolsas Sof.ia by Nunsys Group, unha iniciativa enmarcada na súa estratexia de responsabilidade social corporativa que conta co apoio do almacenista tecnolóxico TD SYNNEX para fomentar o talento feminino e espertar vocacións en disciplinas STEM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre alumnas de secundaria. 

Este programa vai dirixido a persoas con identidade de xénero feminina residentes en España que superen o segundo curso de bacharelato ou dun ciclo formativo de grao superior durante este ano académico e desexen cursar un grao universitario do ámbito tecnolóxico; e contará coa colaboración da UDC xunto a outras 6 institucións académicas de titularidade pública en España: Universidade de Castela-A Mancha, Universitat Jaume I (Castellón), Universidade de León, Universidade Pablo de Olavide (Sevilla), Universitat Politècnica de València e Universidade de Zaragoza.

O prazo de inscricións iniciouse o 15 de maio e permanecerá activo ata o 15 de xuño ás 14:00 horas (hora peninsular española), a través da web www.nunsys.com/becas-sofia.

Coas Bolsas Sof.ia queremos contribuír á redución da fenda de xénero, acompañando ás futuras profesionais no seu desenvolvemento académico e laboral”, explicou Gabriel Barreiro, delegado en Galicia de Nunsys Group, no acto de sinatura do convenio de colaboración entre ambas as entidades. Desde a UDC destacaron o valor das alianzas universidade-empresa: “iniciativas como esta contribúen a atraer, xerar oportunidades e consolidar o talento feminino en titulacións STEM estratéxicas para o futuro da nosa sociedade”, sinalou Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña.

Cobertura das Bolsas Sof.ia 

A adxudicación de cada bolsa estará baseada maioritariamente en criterios de excelencia académica detallados nas bases reguladoras e sufragará os custos de matrícula, ou importe equivalente en caso de gratuidade, de dous cursos académicos completos nunha titulación da Universidade da Coruña -a elixir polas beneficiarias- entre os Graos en Enxeñaría Informática, Ciencia e Enxeñaría de Datos; Enxeñaría Industrial; Enxeñaría de Tecnoloxías Industriais; Electrónica Industrial e Automática, Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produtos, Enxeñaría Eléctrica; e Enxeñaría Mecánica e Intelixencia Artificial, que se inclúen no abanico dos 17 graos científico-tecnolóxicos amparados polo programa. A renovación para o segundo ano requirirá que as bolseiras superen satisfactoriamente o 75% dos créditos do primeiro curso.

Ademais do apoio económico, o programa incorpora un completo itinerario de acompañamento personalizado, que inclúe mentoría con empregadas do ámbito tecnolóxico de Nunsys Group e acceso a prácticas formativas remuneradas tras a superación do primeiro ciclo académico nalgunha das delegacións de Nunsys Group, facilitando a transición entre a contorna académica e o mercado laboral.

Coas bolsas Sof.ia by Nunsys Group, a tecnolóxica e o conxunto das universidades colaboradoras dan un paso máis no seu compromiso coa igualdade de oportunidades, a paridade no sector tecnolóxico e o impulso de perfís cualificados que liderarán a transformación dixital en España.

Sobre Nunsys Group

Fundada en 2007 con capital 100% nacional, Nunsys Group é unha compañía especializada na implantación de solucións integrais de tecnoloxía. Realiza proxectos de Infraestruturas, Comunicacións, Sistemas, Transformación Dixital, desenvolvemento de Software, Ciberseguridade, Industria Dixital, Audiovisuais e Formación, dirixidos tanto a empresas privadas como a entidades públicas. 

Con presenza en Galicia desde hai máis de 25 anos a través da súa delegación propia na Coruña, Nunsys Group está integrada actualmente por preto de 2.800 profesionais cunha ampla experiencia no sector TIC e atende a máis de 8.000 clientes nacionais e internacionais a través da súa rede de 27 delegacións en España e as súas oficinas en Andorra, Lisboa (Portugal), Medellín (Colombia) e Washington DC (EEUU).

Comparte éste artículo
No hay comentarios