Gonzalo Castro recibe o premio á campaña municipal de convivencia no ocio nocturno

 O Concello da Coruña foi recoñecido onte na novena edición dos Premios Recicla la Noche pola campaña municipal ‘Este é o teu sinal’, unha iniciativa impulsada polo Goberno de Inés Rey para promover a convivencia, o respecto á veciñanza e as condutas responsables nas zonas de ocio nocturno da cidade.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, foi o responsable de recoller o galardón nun acto celebrado na Sala Pelícano, no contexto da II Conferencia Nacional del Ocio y los Espectáculos. “A nosa alcaldesa, Inés Rey, liderou unha mesa de traballo na que estiveron representados hostaleiros, veciños e responsables públicos que deu coma resultado esta campaña, que tivo un alto grao de aceptación, e que reafirma este galardón”, indicou Castro. 

A campaña, presentada o pasado mes de xaneiro xunto ao sector hostaleiro e ás asociacións veciñais, naceu co obxectivo de fomentar hábitos cívicos entre as persoas usuarias dos locais de ocio e hostalería. “Quero agradecer en nome da nosa alcaldesa a implicación da hostalería nesta aposta por colaborar coa administración na busca do equilibrio”, salientou Castro.

Baixo o lema “Este é o teu sinal”, o Concello puxo en marcha unha acción de sensibilización centrada en tres mensaxes fundamentais: evitar o ruído na rúa, non consumir bebidas alcohólicas fóra dos establecementos e respectar os espazos públicos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios