Rafa Domínguez presenta na AECC os 210.000 € do plan para eliminar barreiras na provincia

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, visitou as instalacións da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Pontevedra, onde puxo en valor a utilidade das axudas do programa Pontevedra, Provincia +Inclusiva, do que a asociación se beneficiou na súa segunda convocatoria. A Deputación reeditou as axudas este ano (o prazo de solicitude pechou a comezos de maio) e volverá repartir un total de 210.000 euros entre entidades sociais de toda a provincia para seguir fomentando a accesibilidade universal desde unha perspectiva integral, así como para a promoción da participación activa de todas as persoas en condicións de igualdade e autonomía.

O vicepresidente Rafa Domínguez entregoulles durante a súa visita a placa que distingue a asociación como beneficiaria de Pontevedra, Provincia +Inclusiva. No marco desta liña de axudas, a entidade recibiu máis de 1.300 euros para a adquisición de novos sistemas inclusivos de comunicación, concretamente ordenadores portátiles, monitores, teclados e unha pantalla interactiva. Neste eido, Domínguez fixo fincapé na estreita colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a sede da AECC na cidade, destacando tamén unha axuda de 20.000 euros outorgada este ano para a posta en marcha dun programa de atención biopsicosocial para doentes oncolóxicos e familiares, e que continúa o traballo realizado durante o ano anterior con este mesmo fin (cunha axuda por parte da Deputación de 15.000 euros).

Os recursos da liña de axudas Provincia +Inclusiva, que medraron case un 17% con respecto ao seu inicio en 2024, están dirixidos ás entidades sen fins de lucro da provincia, que poden recibir ata un máximo de 10.000 euros para subvencionar desde obras de mellora da accesibilidade nas súas instalacións, ata os de redacción de proxectos técnicos para executar estas obras, ademais de sufragar a adquisición de sistemas de comunicación ou outros relacionados coa mobilidade e o coidado persoal. Neste eido o vicepresidente provincial sinalou que a segunda edición destas axudas achegou preto de 18.000 euros a entidades da cidade como a AECC, Amencer-ASPACE e AFAPO. Pola súa banda, no conxunto da provincia foron 30 as entidades beneficiarias, cun reparto próximo aos 200.000 euros.

Comparte éste artículo
No hay comentarios