A alcaldesa participa na presentación da moeda conmemorativa do 25 aniversario do Arde Lucus creada por Cohors III Lucensium

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de xuventude, Damián Carballo, participou esta tarde na presentación da moeda conmemorativa do 25 aniversario do Arde Lucus, unha peza deseñada e acuñada pola Asociación de Recreación Histórica e de Promoción Turística Cohors III Lucensium para celebrar esta efeméride.

O acto, celebrado na Casa Consistorial, contou coa participación do presidente da entidade, Miguel Ángel Alvelo, quen explicou os detalles e simbolismo dunha moeda que rende homenaxe á evolución dunha das celebracións de recreación histórica máis recoñecidas de España e referente turístico internacional.

A peza incorpora diferentes elementos vinculados á historia e ás orixes da cidade, combinando iconografía romana e castrexa, ademais de referencias directas ao XXV aniversario do Arde Lucus. Entre os motivos representados figuran unha aguia inspirada na columna da Praza de Santo Domingo, un torques castrexo e a inscrición “Natalis XXV”.

Durante a presentación púxose en valor o traballo desenvolvido por Cohors III Lucensium e polo conxunto das asociacións de recreación histórica, así como a implicación da cidadanía na consolidación do Arde Lucus como Festa de Interese Turístico Internacional. Desde o Concello destacouse tamén a importancia do tecido asociativo para seguir fortalecendo unha celebración que constitúe un dos principais referentes culturais, patrimoniais e turísticos da cidade.

A alcaldesa agradeceu especialmente a acollida e a colaboración mostrada polas asociacións recreativas nesta nova etapa, destacando a súa disposición inmediata para traballar de maneira coordinada co Goberno local “nun momento no que acabamos de asumir a responsabilidade de goberno e co Arde Lucus xa moi próximo no calendario”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios