Nicole Grueira impulsará como alcaldesa unha nova RPT para mellorar as condicións dos traballadores públicos do Concello de Pol

Nicole Grueira ve fundamental “o estudio, o diálogo e o consenso cos traballadores e os seus representantes” para poder contar cunha planificación “axeitada, ben dimensionada e adaptada” ás necesidades do Concello e dos veciños.

A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, ten moi claro que para que os veciños poidan disfrutar de bos servizos municipais só hai dous camiños, “empregar os recursos económicos no que realmente é necesario e dar unhas boas condicións laborais aos empregados municipais para poder desenvolver todo o traballo”.

Nicole Grueira ve moi necesario “materializar unha Relación de Postos de Traballo no Concello que sexa ordenada, moderna e coherente”. “Teño claro que se os veciños de Pol me dan a súa confianza o ano próximo, será unha das primeira medidas que tome, impulsar as consultas necesarias para materializar unha RPT”. 

A voceira popular destaca que “os empregados municipais son pezas clave para que a administración funcione cada día, polo que recoñecer o traballo do persoal ,ter unha organización axeitada e boas condicións son esenciais para logo poder ter un Concello forte”.

Neste senso, Nicole Grueira ve fundamental garantir unha organización máis eficiente, transparente e xusta; adaptar a estrutura do Concello á realidade actual e ás necesidades dos traballadores e dos servizos públicos e dar de estabilidade e seguridade xurídica á plantilla municipal.

“Vemos como estas medidas, que son elementais, son unha necesidade hoxe en día porque Lino Rodríguez non se preocupou de nada disto”, denunciou.

A realidade do Concello de Pol é que non conta cunha RPT actualizada, o que provoca que se manteña unha carencia histórica de planificación interna, sen definición clara de postos, funcións e necesidades.

“Teño claro que co diálogo é como se chega aos mellores consensos, polo que abrirei o diálogo co persoal municipal e os representantes sindicais para acadar a mellor RPT para Pol”, destacou.

Para acadalo, Nicole Grueira explica que “xa estamos traballando” na realización dun estudo rigoroso da situación actual da plantilla, “algo  fundamental” para poder realizar unha RPT baseada en criterios de igualdade, transparencia e eficiencia, “sen olvidar nunca o esencial, que este proceso se realice con participación e consenso”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios