José Ramón Rioboo participou no Paraninfo da UDC na xornada “20 anos, 20 pegadas. Un camiño compartido”, organizada pola asociación.
A Deputación da Coruña participou hoxe no acto conmemorativo do 20 aniversario de ASPERGA, celebrado no Paraninfo da Universidade da Coruña baixo o lema “20 anos, 20 pegadas. Un camiño compartido”. O deputado de Economía, Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo, interveu en representación da institución provincial nunha xornada de recoñecemento ao labor desenvolvido pola entidade durante dúas décadas en favor das persoas autistas e das súas familias.
Rioboo trasladou o apoio da Deputación á presidenta de ASPERGA, Rita Barros, á xunta directiva, ao equipo profesional, ás familias e a todas as persoas que forman parte da asociación, da que destacou a súa capacidade para “deixar pegada” na sociedade coruñesa.
“Vinte anos non se cumpren todos os días. E menos aínda cando eses vinte anos están cheos de traballo, de compromiso, de aprendizaxe e, sobre todo, de acompañamento a moitas persoas e a moitas familias”, afirmou o deputado.
Na súa intervención, Rioboo puxo en valor a relación continuada entre a Deputación da Coruña e ASPERGA ao longo destes vinte anos, unha colaboración baseada no apoio a proxectos, na escoita e no traballo compartido para mellorar a vida das persoas con trastorno do espectro autista e das súas familias.
“Desde a Deputación coñecemos ben ese camiño, porque a relación entre ASPERGA e a institución provincial vén de lonxe. Son dúas décadas de colaboración continua para avanzar nunha sociedade máis inclusiva, máis consciente e máis capaz de acompañar a diversidade”, sinalou.
A nova sede dos Castros, un fito na colaboración coa Deputación
O deputado destacou como un dos fitos máis recentes desa colaboración o apoio da Deputación á adquisición da nova sede de ASPERGA no barrio de OsCastros, na Coruña. Rioboo subliñou que este novo local “representa estabilidade. Representa futuro. Representa a posibilidade de atender mellor, con máis medios e en mellores condicións. Representa un lugar ao que as familias poden chegar sabendo que van atopar apoio, comprensión e profesionais que coñecen ben a súa realidade”.
“Diso vai, no fondo, o traballo de ASPERGA: de acompañar sen facer ruído, pero cambiando vidas. De defender que cada persoa ten a súa voz, a súa maneira de estar no mundo e o dereito a desenvolver o seu proxecto de vida con dignidade”, apuntou.
No peche da súa intervención, Rioboo felicitou á gran familia de ASPERGA: “Grazas por vinte anos de compromiso. Grazas por abrir camiño e grazas por lembrarnos que unha sociedade mellor é aquela que sabe escoitar todas as voces”, concluíu.