Ameijide asegura que “se a presidenta continúa financiando aos seus afíns a pesar do seu comportamento e castigando aos veciños de Lugo despois da moción de censura confirmará que nada cambiou na Deputación de Lugo e que continúa a ser a líder dun goberno sectario cun Tomé contralando dende a sombra e beneficiándose desta situación”.
Os deputados do Grupo Provincial do Partido Popular esixirán explicacións a Carmela López e o goberno provincial de PSOE e BNG no vindeiro Pleno da Deputación de Lugo sobre continuar financiando con diñeiro público de todos os lucenses aos ‘hooligans’ do PSOE e castigando aos lucenses despois da moción de censura.
Os populares lembran que o goberno provincial de PSOE e BNG achegou preto de 800.000 euros de diñeiro público entre 2017 e 2026 á Federación de Veciños de Lugo e á Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa cuxos mandatarios teñen manifestado publicamente o seu apoio ao PSOE e proferiron durante o Pleno do Concello de Lugo “insultos e coaccións” a representantes públicos que estaban a desenvolver o seu labor.
O portavoz provincial, Antonio Ameijide, sinala que “á vista dos apoios que reciben entendemos a ira e hostilidade co que actuaron no Pleno do Concello. Non pretendían defender os intereses dos lucenses, senón a quen os financia e dirixe dende a sombra”.
Ameijide pregunta á presidenta se vai seguir “premiando” con importantes cantidades de diñeiro de tódolos lucenses para a súa xestión por parte de persoas que non respectan a liberdade e aos representantes públicos elixidos polos propios veciños e veciñas.
O popular condena que “Carmela López siga o modelo do seu predecesor e continúe a comprar vontades con cartos de todos, financiando aos amigos e xestionando o diñeiro público de forma sectaria”.
Por sectarismo e “castigo aos lucenses” tamén cre que “o goberno de PSOE e BNG retirou, poucos días antes do cambio de goberno, dous equipos do parque móbil da Deputación de Lugo que estaban a realizar traballos de mellora do firme e limpeza de cunetas nas estradas do municipio de Lugo”.
Un deles volveu para Monforte de Lemos, municipio onde xa tiña desenvolvido traballos durante meses cando Tomé era presidente, ao final Tomé volve a ser o beneficiado. E o outro volveu para as instalacións do parque móbil para dirixirse, posteriormente, a Vilalba.
“As máquinas da Deputación de Lugo deberían traballar na mellora das vías de tódolos municipios e non só naqueles con gobernos afíns ao PSOE e ao BNG. Deberían servir a todos os veciños e veciñas da provincia en igualdade de condicións e non castigar a aqueles onde o PP ostenta o goberno municipal”.
Por iso, Ameijide pregunta á presidenta se “seguirá castigando aos veciños e veciñas do municipio de Lugo despois do cambio de goberno. De ser así, non fará máis que confirmar que nada cambiou na Deputación de Lugo que continúa a ter un goberno sectario”, conclúe.