A eurodeputada galega participa na Asemblea Parlamentaria Euro-Latinoamericana en México en calidade de vicepresidenta de EuroLat, un foro no que participan representantes do parlamento europeo e de América Latina e o Caribe.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa na Asemblea Parlamentaria Euro-Latinoamericana, EuroLat, que se celebra na Cidade de México entre o 26 e o 28 de maio, un foro que reúne a representantes do ParlamentoEuropeo e dos parlamentos de América Latina e o Caribe.
Defensa da soberanía dos pobos ante o imperialismo e a inxerencia
Miranda que é vicepresidenta da Mesa Directiva de EuroLat , explica que nesta edición vanse abordar cuestións de máxima actualidade internacional, como a situación política mundial, a seguridade, os dereitos sociais, a cooperación bi-rexional e os desafíos comúns entre Europa e América Latina.
Nesta lexislatura, a deputada nacionalista copreside, xunto con Humberto Costa, vicepresidente de EuroLat polo Parlamento do Mercosur, o Foro da Sociedade Civil, un dos espazos de traballo desta edición. O foro estará centrado no recoñecemento dos pobos indíxenas orixinarios e nas migracións, nun momento no que “cremos que é preciso reivindicar a soberanía dos pobos ante os postulados colonialistas, imperialistas e expansionistas procedentes de Trump, do trumpismo, da ultra dereita internacional e de sucedáneos como a señora Ayuso. BNG “sempre defenderá a non inxerencia, a soberanía e a liberdade dos pobos a decidir os seus propios destinos”.
“A esta asemblea vimos escoitar, colaborar, dignificar e recoñecer os pobos indíxenas orixinarios e que este acto debe servir tamén como homenaxe aos pobos que configuran a realidade plural dos estados mexicanos”, sinalou Ana Miranda.
A eurodeputada nacionalista destacou que a presenza do BNG en México responde tamén á vontade de reforzar os lazos de cooperación e respecto entre pobos. Neste sentido, subliñou que “a México vense a dialogar con respecto e a aprender doutras culturas e identidades e non a insultar”, en referencia ás recentes declaracións da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso.
No marco da súa axenda institucional, Ana Miranda mantivo tamén reunións co gabinete da presidenta de México, Claudia Sheinbaum, unha figura que é referente mundial, así como diversos encontros bilaterais con membros da bancada da esquerda de EuroLat, co obxectivo de fortalecer a cooperación política e social entre ambas as beiras do Atlántico.Ademais de xuntas con membros da colectividade galega, como a actual viceministra da Muller Elvira Concheiro, con Luciano Concheiro, ministro de Educación da cidade de Mexico e María Ángeles Comesaña, fillos de exiliados.
Tras a súa participación na Asemblea Euro-Latinoamericana, Ana Miranda desprazarase a Colombia como observadora electoral do Parlamento Europeo, dentro da misión de observación que terá lugar entre os días 29 de maio e 1 de xuño, coincidindo coa celebración das eleccións no país.