Elena Candia reafirma o compromiso do Concello coa cultura na presentación da imaxe da 48ª Semana de Cine de Lugo creada por Diego As

Coincidindo co centenario do nacemento de Marilyn Monroe, o Concello de Lugo acolleu hoxe a presentación do cartel anunciador da XLVIII Semana de Cine de Lugo, que se celebrará entre os días 21 e 26 de setembro.

A elección desta data non é casual. A obra creada polo artista lucense Diego As rende homenaxe á figura da actriz estadounidense, convertida nun dos grandes iconos da historia do cinema, a través dunha composición que reúne distintas imaxes de Norma Jeane Mortenson, coñecida mundialmente como Marilyn Monroe.
Diego As, recoñecido internacionalmente polas súas creacións urbanas e distinguido en varias ocasións como un dos mellores muralistas do mundo, asina así a imaxe dunha nova edición dun certame que forma parte da historia cultural de Lugo.
A alcaldesa, Elena Candia, destacou a calidade artística da proposta e sinalou que o cartel “é un magnífico reclamo para a XLVIII Semana de Cine de Lugo e unha excelente carta de presentación dunha das grandes citas culturais que acollerá a cidade o próximo mes de setembro”.
A rexedora aproveitou tamén a ocasión para reafirmar o compromiso do Concello coa promoción cultural e co apoio ás iniciativas que contribúen a fortalecer a identidade da cidade.

Agradecemento ao Grupo Cinematográfico Fonmiñá

Candia puxo tamén en valor a traxectoria da Semana de Cine e o labor desenvolvido durante décadas polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, entidade organizadora do certame e presidida por Xulio Xiz.

“A Semana de Cine de Lugo forma parte xa da identidade cultural da nosa cidade. Desde aquela primeira Semana Internacional de Cine de Autor celebrada en 1979, cada setembro converteuse nun punto de encontro imprescindible para os amantes do cinema e nun escaparate para recoñecer a contribución dos lucenses vinculados á sétima arte”, sinalou a alcaldesa.

A rexedora engadiu que “se hoxe Lugo pode presumir dunha cita cultural con case medio século de historia é grazas ao traballo constante de Fonmiñá e das persoas que, xeración tras xeración, mantiveron vivo este proxecto. Poucas iniciativas culturais poden exhibir unha traxectoria tan sólida e tan vencellada á cidade”.

No acto participaron a alcaldesa de Lugo, Elena Candia; a deputada provincial Iria Castro; Manuel Antonio Fernández Piñeiro, director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude; Ana Traseira, directora da UNED en Lugo; e Ana Cabana, vicerreitora de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela.

Tamén asistiron representantes de Fonmiñá, entre eles o seu presidente, Xulio Xiz, xunto con Manuel Curiel, Eduardo R. Ochoa, José Manuel Guisasola e Antonio Giz, así como o propio autor do cartel.

A 48  Semana de Cine de Lugo volverá converter a cidade nun punto de encontro para os afeccionados á sétima arte, reafirmando o seu papel como unha das citas culturais máis veteranas e recoñecidas de Galicia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios