Andrea Nunes Brións gaña o Premio aRi[t]mar á Mellor Poesía do Ano 2025 na Galiza con “Un mar que soña”

O pasado sábado, 30 de maio, remataron as votacións para escoller os mellores poemas do ano 2025 na Galiza e Portugal. Foron 2.500 votos os que decidiron que “Un mar que soña”, de Andrea Nunes Brións, foi a Mellor Poesía do 2025 na Galiza e “Indigestão”, de Ana Gago, foi a Melhor Poesía de 2025 em Portugal. Os podios das dúas categorías completáronse con “V” de Elisabeth Oliveira e “A Incomunicación” de Andrea F. Maneiro para a Galiza; e “Trocar de água” de Daniel Jonas e “Música de Ninar no Buraco” de Pedro Pereira Lopes para Portugal.

No poema de Nunes Brións, “Un mar que soña”, sempre nun plano cuase onírico, a capacidade do mar para tranformar a súa natureza simbólica, desde a violencia e escuridade até a calma e o agrado que implican as ondas cando chegan paseniñas á beira na praia, ponse en común co soño dunha muller co que comparte esa mesma dicotomía, pero falando neste caso da esperanza ou a falta da mesma. “Seremos mañá fría, luz escura, ou indicarán camiños as pegadas?” Non é certo que o que mal empeza pode rematar (ou non rematar) dirixido a un bo lugar?

No caso de “Indigestão”, o poema de Ana Gago, a incapacidade para soltar é cerne e vertebradora da lírica. Un bandullo que non para de medrar porque todo o malo que entra non é quen de saír, con toda a frustración e a alarma e alerta constante que estas situacións implican. A autora transmite todas as malas sensacións e sentimentos da falta de comunicación, ou a imposibilidade da mesma, a través dunha linguaxe que torna, por momentos, mesmo nunha especie de horror corporal desagradable e epidérmico.

As vencedoras recibirán o seu galardón na gala aRi[t]mar, que será celebrada no outono e contará coa presencia e as actuacións musicais de Uxía e MAR

Andrea Nunes Brións e Ana Gago pechan así ó plantel de vencedoras desta edición dos premios aRi[t]mar. As dúas poetas súmanse a Uxía e a unha das máis salientables novas voces da música portuguesa, MAR, que foron as vencedoras na categoría musical, e a Xico de Cariño, galardonado co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-lusófona. Todas as gañadoras recollerán o seu premio na gala aRi[t]mar 2026, que será celebrada no outono no Auditorio de Galicia e na que as entregas dos galardóns convivirán con actuacións musicais.

Comparte éste artículo
No hay comentarios